Arrancan as tertulias literarias organizadas polo Concello de Oleiros nas bibliotecas municipais

ACoruñaXa
A actividade, dirixida a maiores de 18 anos, arranca en outubro con clubs de lectura en varias bibliotecas do municipio
Biblioteca Rialeda en Perillo
3 Out 2024

O Concello de Oleiros poñerá en marcha este mes de outubro os Clubs de Lectura e Tertulias Literarias nas súas bibliotecas municipais, dirixidos a mozos/as e adultos/as maiores de 18 anos. A actividade terá lugar na Biblioteca Central Rialeda de Perillo, na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz, na Biblioteca Mª José Trincado de Mera e na Biblioteca Manuel María de Oleiros.

Estes encontros literarios teñen como obxectivo fomentar a lectura e o debate sobre diferentes xéneros literarios, destacando a narrativa contemporánea, sen deixar de lado a poesía, o teatro e o ensaio. Nun ambiente ameno e formativo, os participantes poderán intercambiar ideas e reflexións sobre temas diversos, descubrindo estilos de autor e características das obras elixidas.

Na Biblioteca Central Rialeda de Perillo, dous grupos de 19 persoas reuniránse quincenalmente os mércores ás 17.30 horas, en sesións de dúas horas. A inscrición abrirase o venres, 4 de outubro, ás 8.30 horas.

Na Biblioteca Mª José Trincado de Mera, dous grupos de 15 persoas participarán unha vez ao mes os luns ás 19.00 horas, con sesións de 90 minutos. A inscrición abrirase o martes, 8 de outubro, ás 16.15 horas.

A Biblioteca Manuel María de Oleiros acollerá un grupo de 15 persoas que se reunirán un xoves ao mes ás 11.00 horas. As inscricións comezan o luns, 7 de outubro, ás 16.15 horas.

Finalmente, na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz, haberá tres grupos: dous quincenais os martes ás 17.30 horas, con sesións de dúas horas, e un mensual os martes ás 11.00 horas.

En total, participarán 140 persoas, que ao longo dos meses lerán libros de autoras e autores como Muñoz Molina, Brais Lamela, J.M. Coetzee, Bibiana Candia, Blanco Amor, Albert Camus, García Márquez, entre outros. Estes encontros literarios permitirán aos lectores gozar da literatura e compartir diferentes puntos de vista sobre obras galegas, españolas e internacionais.

0.18558382987976