Arranca este domingo na Coruña a sétima edición do Atlantic Pride

GaliciaXa | ACoruñaXa
A Praza de Pontevedra da cidade herculina acollerá a primeira xornada do ‘Orgullo do Norte’, que se estenderá entre ás 20.00 e las 00.30 horas
Programa-Atlantic-Pride-2026 (1)
4 Jul 2026

Entre o 5 e o 12 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a sétima edición do Atlantic Pride. Será cunha proposta única e diversa que reúne descubrimento musical e nostalxia, novas voces e grandes himnos do pop interxeneracional, iconas que forman parte da memoria colectiva, talento e diversión drag e figuras galegas emerxentes que cada ano ocupan un lugar fundamental na programación do festival.

A xornada inaugural do Atlantic Pride chega este domingo, 5 de xullo, á Praza de Pontevedra da cidade herculina, entre ás 20.00 e ás 00.30 horas, con propostas que reúnen novo talento queer galego, aires de O.T. e provocación drag para inaugurar por todo o alto o festival, da man de Kika Lorace, raze, Jorge González e DJ Licho.

A encargada de abrir a noite contra ás 20.00 horas será a cantante, DJ e drag queen Kika Lorace, unha das grandes referentes da escena LGTBIQ+ estatal grazas ao seu estilo irreverente, festivo e reivindicativo. Converteu temas como Chueca es genial ou La reina del Grindr en auténticos himnos da cultura queer e participou en televisión e ficción, incluíndo Drag Race España e La que se avecina. En 2025 celebrou os seus quince anos de carreira co lanzamento do álbum Todo perfecto, que agora presentará en directo ante o público do Atlantic Pride.

Ás 21.30 horas, chegaralle a súa quenda a raze, artista multidisciplinar queer viguesa que destaca por unha proposta musical persoal, na que combina electrónica e organicidade cunha fonda carga lírica. O seu universo creativo abrangue música, movemento e imaxe, construíndo un proxecto artístico 360º de gran riqueza visual e dramatúrxica. Considerada unha das voces máis singulares do novo son do norte, continúa consolidando unha identidade propia e en constante evolución, como ben poderá comprobar este domingo a audiencia do Atlantic Pride.

Xa ás 22.30 horas, gozaremos da estrela televisiva Jorge González, cantante cunha destacada traxectoria musical, que participou, entre moitos outros, nos shows Operación Triunfo e La Voz. Foi gañador de Tu cara me suena, representou a España no Festival de Viña del Mar e acadou o posto de finalista do Benidorm Fest 2024 co tema Caliente. Sen lugar a dúbidas, o furor da súa voz non deixará indiferente a ninguén este domingo no ‘Orgullo do Norte’ coruñés.

Finalmente, DJ Licho será o encargado de pechar a noite ao pratos desde ás 23.30 horas cunha proposta chea de enerxía e nostalxia, a golpe de pop e dance dos 2000, nun set no que nunca faltan as Spice Girls, Britney Spears, Madonna ou Katy Perry, que alternará con outros éxitos da música urbana.

Durante oito xornadas, polo cartel do Atlantic Pride 2026 desfilarán propostas diversas e festivas como «ZAHARAVE», o espectáculo electrónico de Zahara, Miriam Rodríguez, Whigfield, Alba Reche, Julieta, Azúcar Moreno, Soraya, María Isabel, Jorge González Ricky Merino, Kika Lorace, Tú peleas como una vaca, arde, Jonydasvie, Montedapena, raze, Terrae Dj’s, Choriza May, Pitita, Chloe Vittu, la Niña Delantro, Electra, Kim Miller, Saia Santa e Sasha Moon, ademais do novo e agardado Atlantic Drag! Mentres, aos pratos do festival, nas pinchadas encargadas de abrir e pechar as diferentes xornadas da cita nesta sétima edición, situaranse DJ’s de referencia da escena estatal e galega, como Oro Jondo, Dennis Moore, Paola, DJ Cés, DJ90, DJ Licho e DJ Flashback.

O ‘Orgullo do Norte’ é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na cidade da Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva, con propostas musicais para todos os públicos. A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO) e conta co patrocinio institucional do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, ademais do apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia e Globalgrafic.

Un ano máis, o Atlantic Pride quere convidar a todos os públicos a sumarse á festa e gozar un verano máis da diversidade deste ‘Orgullo do Norte’ coruñés: “chegamos á nosa sétima edición como un festival LGTBIQ+ consolidado, aberto e diverso, nacido para celebrar a liberdade, a visibilidade e o dereito de todas, todes e todos a vivir o espazo público con orgullo”, apunta Luis Pazos, un dos codirectores do encontro.

Do 5 ao 12 de xullo na Coruña, O Atlantic Pride propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. Como apunta Pazos, “somos populares, interxeracionais, libres e profundamente diversos. Gústanos a sorpresa, gústanos romper etiquetas e gústanos construír unha programación que non se pareza a ningunha outra. Esta é unha das grandes singularidades do noso festival”.

0.11933898925781