Aranga recibiu máis de 132.000 euros da Xunta para mellorar a Casa do Concello, a OMIX e un edificio educativo

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou este martes Aranga para supervisar as melloras realizadas na Casa do Concello e na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), actuacións financiadas a través do Fondo de Compensación Ambiental. Durante a visita estivo acompañada polo alcalde, Alberto Platas.
Segundo destacou a representante autonómica, o municipio recibiu entre os anos 2025 e 2026 máis de 132.500 euros das liñas competitiva e non competitiva deste fondo para executar diferentes actuacións de mellora en edificios públicos.
Unha das intervencións xa rematadas permitiu renovar a carpintería exterior da Casa do Concello grazas a un investimento de case 30.000 euros correspondente á convocatoria competitiva de 2025. O obxectivo foi mellorar a eficiencia enerxética do inmoble mediante a instalación de novas ventás que reducen as perdas de calor no inverno e limitan a entrada de calor durante o verán.
Ademais, Aranga contará este ano con outra axuda superior aos 36.000 euros da liña non competitiva para acometer o acondicionamento e a pintura exterior do edificio municipal.
Durante a visita tamén se supervisaron as obras realizadas na OMIX de Aranga, que consistiron na mellora da envolvente exterior mediante un revestimento térmico da fachada. Esta actuación foi financiada con preto de 36.500 euros procedentes da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental de 2025.
A estas actuacións súmase unha nova achega de case 30.000 euros aprobada na convocatoria competitiva de 2026 para mellorar a envolvente do edificio anexo ao CEIP A Castellana.
Belén do Campo puxo en valor o Fondo de Compensación Ambiental como unha ferramenta para impulsar actuacións de conservación ambiental, eficiencia enerxética e mellora das infraestruturas municipais. Segundo sinalou, estas axudas permiten aos concellos desenvolver proxectos que contribúen tanto á protección do medio natural como á mellora dos servizos públicos e da calidade de vida da veciñanza.