Antas de Ulla presenta os resultados dun proxecto para impulsar unha cooperativa social

LugoXa | ACoruñaXa
Tres estudantes da Universidade da Coruña analizaron a realidade do municipio e as posibilidades de colaboración comunitaria nunha iniciativa que se dará a coñecer o mércores 14 de outubro no restaurante Pacior
concello-de-antas-de-ulla
12 Oct 2026

O Concello de Antas de Ulla dará a coñecer este mércores, 14 de outubro, os resultados dun estudo desenvolvido nos últimos meses para identificar necesidades locais e explorar vías de desenvolvemento social e comunitario, co obxectivo de avanzar cara á creación dunha cooperativa social no municipio.

A presentación celebrarase ás 17:00 horas no restaurante Pacior, nun encontro aberto á veciñanza baixo o título 'Un café camiño da cooperativa'. A convocatoria permitirá compartir as conclusións do traballo e abordar os próximos pasos previstos para impulsar o proxecto.

O estudo enmárcase no programa Campus Rural 2026 e foi desenvolvido por tres estudantes da Universidade da Coruña. Durante a súa estadía en Antas de Ulla, realizaron un diagnóstico da realidade municipal para coñecer as necesidades da poboación e detectar oportunidades de colaboración e iniciativas que contribúan a dinamizar a contorna rural.

Ademais de presentar os resultados, a xornada pretende servir como espazo de participación para que os asistentes poidan achegar ideas, formular propostas e contribuír á definición desta futura iniciativa cooperativa.

O Concello anima a todas as persoas interesadas a participar no encontro, co propósito de fomentar a implicación veciñal e promover novas fórmulas de cooperación e desenvolvemento no municipio.

0.14241600036621