Álvaro Yáñez, convocado coa selección galega sub-15 para o Campionato de España

Álvaro Yáñez representará a Galicia no Campionato de España de Seleccións Autonómicas en Idade Escolar e Inclusivo, que se celebrará do 18 ao 21 de xuño no Palau d’Esports de Granollers, en Barcelona. O deportista do CD Hydra foi convocado para formar parte do combinado galego na categoría sub-15.
A competición reunirá durante catro xornadas xogadores procedentes das distintas comunidades autónomas nas categorías sub-15, sub-17 e inclusiva. A cita permitirá a Yáñez competir nun escenario de ámbito estatal e sumar experiencia fronte a algúns dos deportistas máis destacados da súa idade.
A convocatoria supón un novo recoñecemento ao traballo desenvolvido polo xogador e á súa evolución deportiva dentro do CD Hydra, club con sede en Teixeiro que mantén unha presenza continuada nas competicións escolares e federadas, desde as categorías de iniciación ata sénior.
Desde a entidade celebraron a incorporación de Álvaro Yáñez á selección galega e destacaron que esta oportunidade é o resultado da constancia e do esforzo acumulados durante anos de adestramento. O club agarda que tanto o seu xogador como o resto do equipo autonómico completen unha boa actuación en Granollers.