Alternativa reclama recuperar el Consello Escolar Municipal de Cambre antes del nuevo curso

Alternativa dos Veciños volveu reclamar ao Goberno local a convocatoria do Consello Escolar Municipal de Cambre (CEMC) antes do inicio do próximo curso, co obxectivo de recuperar un órgano de participación que considera "clave" para abordar de maneira conxunta os principais problemas que afectan á comunidade educativa do municipio.
A formación lembra que o CEMC reúne representantes das ANPAS, equipos directivos, profesorado, asociacións veciñais e grupos políticos, permitindo analizar cuestións relacionadas co funcionamento dos centros, o transporte escolar, os servizos complementarios ou as necesidades de investimento en materia educativa. Ademais, lembra que a súa existencia está recollida na lexislación galega como órgano consultivo e de participación no ámbito do ensino non universitario.
Segundo Alternativa, durante o curso 2025-2026 este órgano permaneceu sen actividade, malia que os centros educativos do municipio tiveron que afrontar distintas incidencias. Entre elas, a formación destaca a falta de recursos humanos para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais no CEIP Gonzalo Torrente Ballester, o peche temporal do pavillón do Graxal ou os problemas detectados no transporte escolar, cuestións que, ao seu xuízo, deberían terse tratado de forma coordinada no seo do Consello Escolar Municipal.
O grupo municipal lembra que xa viña reclamando desde o pasado curso a reactivación deste órgano. De feito, o pasado mes de abril advertiu de que o curso estaba a piques de rematar sen que se convocase ningunha reunión, malia que o Goberno local se comprometera a facelo antes do peche do ano escolar.
A petición chega despois dun curso marcado por diferentes reivindicacións da comunidade educativa de Cambre. Entre elas figuraron as protestas das familias do CEIP Gonzalo Torrente Ballester para reclamar máis profesorado de apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais, así como as incidencias derivadas do peche cautelar do pavillón do Graxal, que alterou durante semanas a actividade escolar e deportiva do centro.
Por todo iso, Alternativa considera prioritario recuperar o funcionamento ordinario do Consello Escolar Municipal antes do comezo do curso 2026-2027 para que as demandas da comunidade educativa poidan transformarse en propostas e acordos que permitan mellorar a coordinación entre o Concello, os centros educativos e as administracións competentes.