Alternativa dos Veciños reclama ampliar as tubaxes de abastecemento de auga na comarca

Alternativa dos Veciños reclama unha solución urxente aos problemas de abastecemento de auga que afectan os concellos de Cambre, Bergondo, Sada e Oleiros debido á capacidade insuficiente das tubaxes xerais. A formación considera necesario reforzar as infraestruturas comúns para responder ao incremento do consumo e evitar posibles deficiencias no subministro.
A proposta pasa por ampliar a sección das conducións que van desde A Telva ata o depósito do Espírito Santo e mellorar as conexións desde esta instalación cos distintos municipios. Ademais, a organización defende a construción dun novo depósito en San Pedro de Nós que permita abastecer Cambre e unha parte de Oleiros. Segundo sinala, o encoro de Cecebre dispón de auga suficiente, polo que o problema estaría nas infraestruturas necesarias para distribuíla.
A formación asegura que leva anos reclamando estas actuacións e considera que non se poden demorar máis, ante a posibilidade de que o aumento do consumo nos catro municipios provoque insuficiencias no servizo.
Alternativa dos Veciños sostén que Emalcsa, como empresa que vende a auga aos concellos, debe executar o proxecto en colaboración coa Xunta de Galicia, á que tamén atribúe a responsabilidade de contribuír ao seu financiamento polo seu carácter supramunicipal.
A organización cuestiona, ademais, o destino dos ingresos que a Administración local recibe a través do canon da auga. Como exemplo, sinala que Oleiros recada por este concepto 771.000 euros anuais e denuncia que eses fondos non se están a reinvestir nin nese municipio nin nas necesidades de abastecemento da comarca.
O alcalde de Oleiros e presidente de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, lembrou que a súa formación puxo hai dez anos un terreo en San Pedro de Nós a disposición de Emalcsa para construír o depósito destinado a Cambre e Oleiros. "Levamos 10 anos cun terreo en San Pedro de Nós que puxemos a disposición de Emalcsa, para que fixeran ese depósito para Cambre e Oleiros, e… si te he visto no me acordo. Isto non pode seguir así. Imos solicitar unha reunión porque hai que desbloquear esta situación", afirmou.
A formación pretende así impulsar unha reunión que permita desbloquear o proxecto e avanzar nas actuacións necesarias para garantir o abastecemento de auga nos municipios afectados.