Alternativa dos Veciños impulsa unha consulta para coñecer as necesidades da mocidade de Cambre

ACoruñaXa
A proposta presentada pola formación na Xunta de Goberno permite abrir unha enquisa dirixida ás persoas de ata 30 anos
CAMBRE alternativa veciños
10 Sep 2026

Alternativa dos Veciños promove en Cambre unha consulta pública para coñecer de primeira man as demandas e necesidades da mocidade de ata 30 anos. A iniciativa parte dunha proposta presentada pola formación na Xunta de Goberno, a partir da cal se puxo en marcha a enquisa.

Desde Alternativa sinalan que levan reclamando desde marzo a necesidade de realizar un diagnóstico real da situación da mocidade como paso previo para establecer prioridades e reactivar os servizos municipais de xuventude, que consideran deteriorados nos últimos anos.

A enquisa está dirixida á mocidade de ata 30 anos e pode consultarse a través da páxina web do Concello.

Unha campaña para chegar á mocidade

Alternativa dos Veciños tamén reclama que a consulta vaia acompañada dunha campaña de difusión ampla para facilitar a participación. Entre as medidas que propón están trasladar a información aos centros educativos, asociacións xuvenís e clubs deportivos, así como colocar códigos QR en diferentes espazos de uso habitual da mocidade.

A formación tamén considera conveniente instalar mesas informativas nos centros escolares para achegar a enquisa directamente aos potenciais participantes.

Segundo explica Alternativa, o obxectivo é que esta consulta sirva como primeiro paso para coñecer as necesidades actuais da mocidade e avanzar na recuperación e actualización dos programas municipais de xuventude.

A formación asegura que durante o mandato de Unión por Cambre desapareceron máis de dez programas xuvenís e defende que algúns deles poidan recuperarse e adaptarse ás necesidades actuais dos mozos e mozas.

0.15580010414124