Alternativa dos Veciños desbloquea case 300 vivendas en Carral

ACoruñaXa
O Goberno Municipal da Alternativa en Carral, encabezado por Javier Gestal, presionou insistentemente á Sareb para conseguir sacar adiante esta adxudicación
concello carral
concello carral
8 abr 2024

Alternativa dos Veciños de Carral informa de que un total de 294 vivendas serán completadas no municipio próximamente, tras seren adxudicadas pola Sareb (Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria, o chamado “banco malo”) a distintas empresas promotoras que na actualidade afean o casco urbano de Carral. As vivendas están ubicadas na rúa Méndez Búa desbloquéanse 128 vivendas; en Víctor Velasco, 94; na Rúa do Castro, 56 e en Rosalía de Castro, 15.

Dende a agrupación política sinalan que estas vivendas foran paralizadas e abandonadas polas propias construtoras durante a crise inmobiliaria do 2008, e tiveron que ser rescatadas polo banco creado polo goberno para xestionar eses activos recuperables. Agora sairán ao mercado a través da propiedade que o adquiriu.

O Goberno Municipal da Alternativa en Carral, encabezado por Javier Gestal, presionou insistentemente á Sareb para conseguir sacar adiante esta adxudicación, polo que se mostrou moi satisfeito.

Deste xeito, revitalizará o mercado da vivenda neste concello e eliminará de varias rúas eses enormes esqueletos urbanos que causan sensación de abandono na paisaxe urbana. Agárdase que o prezo das vivendas sexa moderado, debido ao gran número delas que saen ao mercado.