Alternativa dos Vecinos de Bergondo reclama á Xunta o arranxo da estrada AC161

ACoruñaXa
Alternativa dos Veciños pon en valor unha moción plenaria aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación en xaneiro de 2022
Imaxe da estrada AC161 en Bergondo
Imaxe da estrada AC161 en Bergondo
22 abr 2024

Alternativa dos Veciños de Bergondo pon de manifesto o deterioro galopante dunha vía de comunicación tan importante para o municipio e que, sinalan, semella estar esquecida dentro dos plans de mantemento e conservación da Axencia Galega de Infraestucturas (AXI) da Xunta.

En xaneiro de 2022 o pleno da corporación municipal de Bergondo aprobaba, por unanimidade, unha moción presentada polo noso grupo na cal se solicitaba á Xunta de Galicia realizar obras de mantemento e de conservación da estrada.  Unhas obras que a día de hoxe non se chegaron a realizar.

"No tempo transcorrido ata agora a Xunta non ten actuado en ningún aspecto dos solicitados polo acordo plenario", sinalan dende a formación política.  Ademais, apuntan que o deterioro da vía acelerouse notablemente dende entón, facéndose a cada paso máis urxente levar a cabo as reparacións ou obras necesarias.

"Dende Alternativa dos Veciños de Bergondo non queremos crer que a Xunta de Galicia faga caso omiso das solicitudes de concellos gobernados por opcións políticas diferentes á que sustenta o goberno autonómico, mais si é certo que segundo pasa o tempo custa cada vez máis traballo nos sospeitar tal posibilidade", apuntan. Unha idea, que sinalan se está a asentar no sentir xeral da poboación dos municipios pouco agraciados polo investimento en infraestruturas por parte da AXI.

Xa que logo reclaman á Xunta de Galicia que planifique con urxencia un proxecto axeitado e con fondos suficientes para o arranxo dunha importante vía de comunicación como é a AC161.