Alternativa dos Vecinos de Bergondo reclama á Xunta o arranxo da estrada AC161
Alternativa dos Veciños de Bergondo pon de manifesto o deterioro galopante dunha vía de comunicación tan importante para o municipio e que, sinalan, semella estar esquecida dentro dos plans de mantemento e conservación da Axencia Galega de Infraestucturas (AXI) da Xunta.
En xaneiro de 2022 o pleno da corporación municipal de Bergondo aprobaba, por unanimidade, unha moción presentada polo noso grupo na cal se solicitaba á Xunta de Galicia realizar obras de mantemento e de conservación da estrada. Unhas obras que a día de hoxe non se chegaron a realizar.
"No tempo transcorrido ata agora a Xunta non ten actuado en ningún aspecto dos solicitados polo acordo plenario", sinalan dende a formación política. Ademais, apuntan que o deterioro da vía acelerouse notablemente dende entón, facéndose a cada paso máis urxente levar a cabo as reparacións ou obras necesarias.
"Dende Alternativa dos Veciños de Bergondo non queremos crer que a Xunta de Galicia faga caso omiso das solicitudes de concellos gobernados por opcións políticas diferentes á que sustenta o goberno autonómico, mais si é certo que segundo pasa o tempo custa cada vez máis traballo nos sospeitar tal posibilidade", apuntan. Unha idea, que sinalan se está a asentar no sentir xeral da poboación dos municipios pouco agraciados polo investimento en infraestruturas por parte da AXI.
Xa que logo reclaman á Xunta de Galicia que planifique con urxencia un proxecto axeitado e con fondos suficientes para o arranxo dunha importante vía de comunicación como é a AC161.