Activado o servizo de socorrismo nas praias de Oleiros ata mediados de setembro

O Concello de Oleiros puxo en marcha este luns o servizo de salvamento e socorrismo nas praias do municipio, que estará operativo ata o 15 de setembro. O dispositivo funcionará en horario de 11.00 a 20.00 horas.
O operativo estará formado por 47 persoas: 36 socorristas, 6 patróns de embarcación, 3 auxiliares de información e primeiros auxilios, unha supervisora e un xefe de equipo.
O servizo busca garantir a seguridade das persoas usuarias durante a tempada de maior afluencia aos areais. O Concello lembra ademais a importancia de respectar as normas, atender sempre as indicacións do persoal de socorrismo e facer un uso responsable das instalacións.
Entre as recomendacións municipais figuran moderar o consumo de auga nas duchas e empregar as papeleiras para manter limpos estes espazos públicos. Tamén se lembra que durante o verán non está permitido acceder con cans ás praias.
Oleiros destaca pola calidade das súas augas, a conservación do litoral e a dotación de servizos nos seus areais, aspectos que forman parte da ordenación municipal das praias e da normativa aprobada para favorecer a convivencia e a seguridade dos bañistas.