Acordo entre Culleredo e o Goberno para a mellora do paseo marítimo do Burgo

ACoruñaXa
Técnicos de Costas e do Concello avaliarán tecnicamente a zona a próxima semana para definir as intervencións.
Imaxe da reunión entre o delegado do Goberno e o alcalde de Culleredo
Imaxe da reunión entre o delegado do Goberno e o alcalde de Culleredo
3 may 2024

Este venres o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, mantivo un encontro co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para abordar diversas cuestións de interese para o municipio, especialmente sobre o paseo marítimo do Burgo. Na reunión tamén participaron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a primeira tenente de alcalde, Cristina Pardo.

A conclusión das obras de rexeneración da ría do Burgo e a súa afección ao paseo marítimo foi o principal asunto do encontro. Rioboo puxo de manifesto a necesidade de actuar en varios puntos da contorna, o máis afectado polos traballos ao albergar nos últimos dous anos o maior volume das intervencións, cunha trasfega continua de maquinaria.

O delegado e o alcalde concretaron que levará a cabo un conxunto de actuacións no paseo marítimo para que quede en perfecto estado tras a finalización da dragaxe. Para definilas, técnicos de Costas e do Concello de Culleredo realizarán unha avaliación técnica sobre o terreo a próxima semana.

A análise abordará ámbitos como os pavimentos, zonas verdes ou mobiliario urbano. A día de hoxe, o paseo pódese utilizar con normalidade, pero é necesario acometer melloras que o deixen nun estado óptimo ao 100%.

Rioboo agradeceu a “disposición total” mostrada polo delegado e subdelegada do Goberno para que o paseo cullerdense “conte coas condicións adecuadas para o uso da cidadanía”. O alcalde apunta que toda a contorna padeceu a execución dunhas “obras imprescindibles para a rexeneración ambiental ría”, e agora “o oportuno é ocuparse da mellora da zona”.