Abre o prazo para anotarse ás actividades municipais de Irixoa para o curso 2026-2027

As persoas interesadas en participar nas actividades municipais de Irixoa para o curso 2026-2027 poderán formalizar a súa inscrición a partir deste martes, 1 de setembro. O prazo permanecerá aberto ata o 25 de setembro e as prazas serán asignadas por orde de inscrición, con preferencia para as persoas empadroadas no municipio.
A programación, organizada polo Concello de Irixoa, inclúe diferentes propostas deportivas e de carácter social pensadas para distintos grupos de idade. As actividades comezarán o 1 de outubro.
Entre as opcións figuran patinaxe para nenos e nenas a partir de 3 anos, ximnasia de mantemento, Pilates e zumba para maiores de 16 anos. Tamén se ofrecerá fútbol sala para menores de entre 5 e 8 anos e de 9 a 12 anos, con sesións no polideportivo do Xestal.
A oferta complétase co ximnasio municipal, destinado a maiores de 16 anos, que poderá utilizarse os luns e mércores, e coa actividade 'Facendo memoria', dirixida a traballar a memoria e que se desenvolverá os xoves na Biblioteca municipal.
Prezos e inscricións
Para participar será necesario cubrir o impreso oficial e entregalo no Concello ou realizar o trámite a través da sede electrónica. As prazas asignaranse por orde de inscrición e o Concello resérvase a posibilidade de suspender algunha actividade se non se alcanza o número suficiente de participantes ou por outras circunstancias imprevistas.
As actividades de pago contan con diferentes tarifas. A ximnasia de mantemento, Pilates e zumba teñen un prezo de 10 euros ao mes para persoas empadroadas e de 30 euros para as non empadroadas.
No caso do ximnasio municipal, a tarifa é de 10 euros ao mes para empadroados e 20 euros para non empadroados, mentres que tamén existe un bono mensual de 30 euros.
O pago realizarase por trimestres, durante os primeiros 15 días dos meses de outubro, xaneiro e abril. Ademais, están previstas exencións para casos de emerxencia social e unidades familiares con baixos ingresos, así como bonificacións para familias numerosas, persoas con discapacidade, unidades familiares con baixa renda e nenos e nenas de 5 a 8 anos.
O Concello anima á veciñanza interesada a tramitar a inscrición dentro do prazo para garantir a súa praza nas actividades escollidas.