Abre o prazo de inscrición para os novos itinerarios formativos gratuítos do programa Éfeso na Coruña

ACoruñaXa
Os cursos, dirixidos a persoas desempregadas, comezarán en setembro e inclúen formación teórica, prácticas en empresas e acompañamento para a inserción laboral
maiores-man-terceira-idade-coidados
13 Jun 2026

O Concello da Coruña abriu o prazo de inscrición para os novos itinerarios formativos gratuítos do programa Éfeso, unha iniciativa cofinanciada polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e orientada a mellorar as oportunidades laborais de persoas desempregadas a través de formación especializada en distintos sectores.

O proxecto enmárcase nas políticas municipais de emprego destinadas a facilitar a inserción laboral de colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo, combinando formación e acompañamento personalizado para favorecer a empregabilidade.

O concelleiro de Emprego, Innovación Tecnolóxica e Formación, Juan Ignacio Borrego, destacou o papel deste programa como ferramenta de oportunidade para a cidadanía, ao permitir adquirir competencias profesionais de maneira gratuíta e con garantías, ao tempo que ofrece novas vías de recondución profesional.

Nesta convocatoria ofértanse tres accións formativas que comezarán a mediados de setembro: atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, operacións básicas de restaurante e bar, e peixaría e elaboración de produtos da pesca. Todos os itinerarios combinan unha parte teórica con prácticas en empresas, co obxectivo de facilitar a incorporación ao mercado laboral cunha experiencia previa acreditada.

Os cursos contan ademais cun servizo de apoio individualizado á inserción laboral, e as persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do Servizo Municipal de Emprego ou mediante correo electrónico.

0.12444114685059