Aberto o prazo para participar na excursión de Irixoa ao Aquapark de Cerceda

ACoruñaXa
A saída será o 17 de agosto e as inscricións permanecerán abertas ata o 7 de agosto, con prazas gratuítas para os participantes no campamento de verán
aquapark-cerceda
29 Jul 2026

O Concello de Irixoa organiza para o vindeiro 17 de agosto unha excursión ao Aquapark de Cerceda, unha proposta de lecer estival dirixida á veciñanza e que tamén permitirá aos nenos e nenas do campamento municipal de verán gozar dunha xornada nas instalacións acuáticas.

A saída está prevista ás 11.00 horas desde a contorna da Casa Consistorial, mentres que o regreso a Irixoa será arredor das 21.00 horas.

A actividade está aberta ao público en xeral, aínda que os menores de 12 anos deberán acudir acompañados por unha persoa adulta. O prezo é de 20 euros para as persoas empadroadas no municipio e de 40 euros para as non empadroadas.

Os nenos e nenas inscritos no campamento de verán municipal poderán participar de forma gratuíta. Ademais, irán acompañados por monitores, polo que non será necesario que acudan cun adulto, aínda que poderán facelo se así o desexan as familias.

O importe da inscrición inclúe o transporte, a entrada ao parque e a comida e merenda, composta por bocadillos, froita e auga.

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o 7 de agosto nas oficinas xerais do Concello de Irixoa. Para obter máis información, o Concello pon á disposición da veciñanza o teléfono 981 793 001.

0.11965107917786