Aberto o prazo para anotarse nas actividades de verán infantís e xuvenís de Oleiros

ACoruñaXa
As familias poden presentar desde hoxe e ata o 12 de maio a preinscrición para unha oferta municipal de 1.196 prazas, con campamentos, deportes, natureza e propostas artísticas
OLEIROS actividades veran
6 May 2026

O prazo de preinscrición para participar nas actividades infantís e xuvenís de verán organizadas polo Concello de Oleiros xa está aberto. As solicitudes poden tramitarse desde hoxe, 6 de maio, ás 10.00 horas, ata o 12 de maio ás 23.59 horas, a través da sede electrónica municipal.

A programación desenvolverase durante os meses de xullo e agosto e inclúe un total de 1.196 prazas. A oferta está pensada para facilitar a conciliación das familias e adaptarse a diferentes idades, intereses e necesidades, con actividades que van desde obradoiros dunha hora ata campamentos de varios días.

Entre as propostas figuran campamentos, excursións a espazos naturais fóra do municipio, minicampamentos, hortas, danza, teatro, kaiak, surf e actividades multideporte. Estas últimas incorporan xogos de orientación, escalada, paddle surf, sendeirismo, bicicleta, rugby, piragüismo ou tiro con arco. Tamén haberá opcións vinculadas ás artes plásticas, a olería, a ilustración e o cómic, a pintura, o gravado e o graffiti.

Na fase de preinscrición só se admitirán solicitudes de menores empadroados en Oleiros. As bases tamén recolle excepcións para casos concretos, como menores en acollemento ou aqueles que non figuren no padrón pero teñan un dos proxenitores empadroado no municipio, circunstancias que deberán acreditarse durante o período de solicitude.

As actividades terán distintos horarios e localizacións segundo cada proposta. Para resolver dúbidas, o Concello facilita como vías de contacto os servizos municipais de Educación, Deportes, Cultura e Xuventude, ademais do teléfono 981.63.65.98.

0.11837291717529