Aberto o prazo de inscrición para os concursos da XXV Festa do Cabalo de Teixeiro

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou esta semana as bases que rexerán os distintos concursos da XXV Festa do Cabalo de Teixeiro, organizada polo Concello de Curtis coa colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Asociación Pura Raza Cabalo Galego e a Federación Hípica Galega.
As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 28 de xullo a través do correo electrónico secretaria@cabalogalego.com, segundo recollen as bases da convocatoria.
O programa inclúe o tradicional Concurso Morfolóxico, no que competirán sementais, eguas, cabalos, eguas cruzadas e ponis. Cada categoría contará con catro premios en metálico, cunhas contías que oscilarán entre os 130 e os 50 euros.
Tamén se celebrarán as Probas de Andadura Galega Tradicional nas modalidades de serrada e chapeada. Neste caso entregaranse oito premios por categoría, dotados con importes comprendidos entre os 120 e os 30 euros.
A programación completarase co Campionato Galego de Enganches, que se desenvolverá nas modalidades de Troncos e Limonera, con tres premios económicos de entre 100 e 50 euros. Na categoría de Ponis Infantís concederanse trofeos aos participantes.
A valoración das probas correrá a cargo dun xurado integrado por catro membros da Asociación Pura Raza Cabalo Galego, que aplicarán a normativa oficial establecida para os concursos morfolóxicos.
Ademais das competicións, a Festa do Cabalo ofrecerá un espectáculo ecuestre e a entrega de distincións especiais ao grupo máis numeroso e ás persoas participantes de maior e menor idade. Como novidade conmemorativa desta vixésimo quinta edición, todos os nenos e nenas menores de 12 anos que acudan montados a cabalo recibirán unha medalla conmemorativa.