Aberta a inscrición para a excursión á Mariña Lucense organizada polo Concello de Irixoa

O Concello de Irixoa abriu o prazo de inscrición para participar na excursión á Mariña Lucense que organizará o vindeiro 19 de setembro, unha proposta pensada para descubrir algúns dos lugares máis emblemáticos da costa lucense.
A saída está prevista para as 8.30 horas diante da Casa do Concello e as inscricións permanecerán abertas ata o próximo 21 de agosto.
O prezo da actividade será de 20 euros para as persoas empadroadas en Irixoa e de 40 euros para as non empadroadas. O Concello lembra que as tarifas se establecen de acordo coa ordenanza fiscal reguladora dos prezos públicos polas actividades deportivas, culturais e outras actividades de carácter puntual.
Ademais, existen bonificacións e exencións para determinados colectivos, que deberán solicitalas e acreditar a súa situación mediante a documentación correspondente, segundo recolle a ordenanza municipal publicada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.
As persoas empadroadas no municipio terán prioridade na adxudicación das prazas. As non empadroadas só poderán participar no caso de que queden vacantes unha vez rematado o proceso de inscrición. As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición a través do Concello de Irixoa.