Abegondo dá un paso adiante e aproba os estatutos da Asociación de Concellos afectados pola AP-9
O Concello de Abegondo deu luz verde, durante o pleno ordinario deste mes, aos estatutos que rexerán a Asociación de Concellos Galegos Afectados pola Autoestrada de Peaxe AP-9 (ACAP9). Este organismo busca unir os esforzos dos municipios polos que pasa a AP-9 para reclamar dereitos históricos que durante anos non foron atendidos.
O alcalde, José Antonio Santiso, destacou que “a asociación permitirá visibilizar e defender as reivindicacións de concellos que non recibiron practicamente beneficios do paso da autoestrada”. Para Santiso, este é un momento clave: “Xa é hora de recuperar algo xusto tras moitos anos de ultraxe.”
Entre os obxectivos principais da nova asociación está solicitar a actualización catastral da autoestrada, cuxa última revisión data de 2007. Esta medida obrigaría á concesionaria a tributar conforme ao valor actual dos seus bens, como calquera particular. Outro punto destacado é a implantación de descontos para os veciños dos concellos afectados, baseándose en exemplos semellantes que xa funcionan noutras rexións de España.
A votación, con todo, non foi unánime. O concelleiro do BNG decidiu votou en contra, alegando que a dirección autonómica do seu partido optou por non participar na iniciativa. Santiso lamentou a postura do BNG e criticou que “non debería haber cores políticas nun tema de interese común como este”. Finalmente, a proposta foi aprobada cos votos do PP e o PSOE.