A XXVIII Feira das Marabillas chega a A Coruña do mércores 24 ao domingo 28 de xullo

feria medieval coruñaA XXVIII edición da Feira das Marabillas celebrarase do mércores 24 ao domingo 28 de xullo na Cidade Vella con diferentes actividades para todos os públicos e idades. O Concello organiza xunto coa Asociación Comercial e Empresarial 'Ciudad Antigua' da Coruña (ACECA) este acontecemento que xa forma parte da programación estival de ocio da cidade.
A inauguración da feira será o vindeiro mércores 24 de xullo ás 12.00 horas na praza de Azcárraga. O evento ten orixe na Feira Franca do século XVI e retomouse no 1993 como feira de ambientación medieval. A Cidade Vella recreará A Coruña da Idade Media, con cinco días de actividades gratuítas para todos os públicos.
O Goberno de Inés Rey continúa a promover a celebración deste evento de gran arraigo entre a cidadanía polo seu labor didáctico -permitindo ás persoas visitantes coñecer a orixe da Coruña e da Cidade Vella- e comercial, ofrecendo un amplo programa de ocio, gastronómico e comercial. Actuacións musicais, recreacións históricas e espectáculos teatrais e de acrobacias encherán as prazas e rúas do casco histórico no desenvolvemento da Feira das Marabillas.
Ata 16 compañías artísticas participarán nesta edición, na que volverá a contarse co Recuncho das Pícaras na praza de María Pita, con atraccións e actividades pensadas para os e as máis pequenas. Entre a extensa programación destaca o encontro de música medieval que se celebrará na igrexa de Santiago o mércores 24 ás 20.30 horas, con entrada libre ata completar capacidade.
O horario de apertura da feira é de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 1.00 horas o mércores, venres e sábado e de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 23.00 horas o domingo.