A XXVIII Feira das Marabillas chega a A Coruña do mércores 24 ao domingo 28 de xullo

ACoruñaXa
O evento, que ten a súa orixe na Feira Franca do século XVI, contará cunha extensa oferta de ocio e gastronomía
Imaxe do cartel da feira medieval da Coruña
15 Xul 2024

A XXVIII edición da Feira das Marabillas celebrarase do mércores 24 ao domingo 28 de xullo na Cidade Vella con diferentes actividades para todos os públicos e idades. O Concello organiza xunto coa Asociación Comercial e Empresarial 'Ciudad Antigua' da Coruña (ACECA) este acontecemento que xa forma parte da programación estival de ocio da cidade.

A inauguración da feira será o vindeiro mércores 24 de xullo ás 12.00 horas na praza de Azcárraga. O evento ten orixe na Feira Franca do século XVI e retomouse no 1993 como feira de ambientación medieval. A Cidade Vella recreará A Coruña da Idade Media, con cinco días de actividades gratuítas para todos os públicos.

O Goberno de Inés Rey continúa a promover a celebración deste evento de gran arraigo entre a cidadanía polo seu labor didáctico -permitindo ás persoas visitantes coñecer a orixe da Coruña e da Cidade Vella- e comercial, ofrecendo un amplo programa de ocio, gastronómico e comercial. Actuacións musicais, recreacións históricas e espectáculos teatrais e de acrobacias encherán as prazas e rúas do casco histórico no desenvolvemento da Feira das Marabillas.

Ata 16 compañías artísticas participarán nesta edición, na que volverá a contarse co Recuncho das Pícaras na praza de María Pita, con atraccións e actividades pensadas para os e as máis pequenas. Entre a extensa programación destaca o encontro de música medieval que se celebrará na igrexa de Santiago o mércores 24 ás 20.30 horas, con entrada libre ata completar capacidade.

O horario de apertura da feira é de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 1.00 horas o mércores, venres e sábado e de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 23.00 horas o domingo.

feria medieval coruña
0.20106196403503