A Xustiza obriga o Porto de Ferrol a devolver a Faraldo á xefatura económica

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao deberá reincorporar a Manuel Vázquez Faraldo ao posto que ocupaba como xefe da Área Económico-Financeira e indemnizalo polos danos morais derivados do seu traslado profesional. A resolución xudicial anula a decisión adoptada polo presidente do organismo a finais de 2024, pola que o alcalde de Miño foi apartado das súas funcións anteriores e recolocado noutra área de nova creación.
Faraldo, empregado da Autoridade Portuaria desde 1993, exercía desde 2006 a xefatura da Área Económico-Financeira. Nese posto asumía tarefas de control orzamentario, relación con entidades financeiras, seguimento das contas, fiscalidade, auditorías, xestión de tesouraría e coordinación de persoal ao seu cargo. O organigrama oficial de 2024 recollía aínda o seu nome á fronte desa área.
O cambio chegou mediante unha comunicación de 30 de decembro de 2024, notificada en xaneiro de 2025. A partir dese momento pasou á Área de Captación de Axudas Públicas e Estudos Económicos, tamén dependente da dirección, pero sen equipo humano asignado. O novo organigrama da Autoridade Portuaria xa reflectía esa modificación a comezos de 2025.
A sentenza considera que non se tratou dun simple reaxuste interno, senón dunha modificación substancial das condicións de traballo que supuxo un baleirado real das funcións que viña desempeñando. A resolución fala dunha degradación profesional de feito, ao perder responsabilidades directivas, persoal subordinado e presenza no núcleo económico do organismo.
O fallo tamén ordena que Faraldo recupere as condicións laborais previas ao 2 de xaneiro de 2025, incluído o seu posto como xefe da Área Económico-Financeira, coas mesmas funcións e lugar de traballo. Ademais, fixa unha indemnización polos danos derivados da degradación profesional e polo prexuízo moral causado.
O caso tamén ten unha lectura política, xa que Faraldo é alcalde de Miño polo PSOE, mentres que a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao está presidida por Francisco Barea Paz, nomeado en 2021 pola Xunta de Galicia, administración gobernada polo PP