A Xunta visita o CIM de Coirós para reforzar as políticas de igualdade no municipio

O Centro de Información á Muller (CIM) de Coirós recibiu a visita da directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez, que mantivo unha xuntanza de traballo coa concelleira de Igualdade, Yolanda Valiño, e coa directora do centro, Raquel Montero, para coñecer de primeira man a actividade do servizo e reforzar vías de colaboración.
Segundo trasladou o Concello, o encontro permitiu facer balance do día a día do CIM e, sobre todo, afondar nas axudas da Xunta dirixidas aos concellos para desenvolver programas de igualdade e de prevención da violencia de xénero. Estas liñas buscan apoiar actuacións municipais centradas en acompañamento, atención e intervención con colectivos en situación de vulnerabilidade.
Desde o ámbito local destacouse tamén a experiencia de iniciativas impulsadas no municipio, como un proxecto desenvolvido o ano pasado para traballar con profesionais da psicoloxía, dentro das accións vinculadas á igualdade e á prevención. O CIM de Coirós presta información e asesoramento ás mulleres e inclúe atención xurídica e psicolóxica, unha función que se considera clave para achegar recursos e orientación ás usuarias.