A Xunta renova o obradoiro ‘Reserva de Biosfera: Emprego Verde’ en seis Concellos da comarca

ACoruñaXa
A iniciativa, cunha subvención de 411.928 euros, ofrecerá formación en conservación forestal e xardinería a 20 alumnos durante o curso 2024-2025
Imaxe das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo
28 Ago 2024

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, concedeu unha subvención de 411.928 euros para a cuarta edición do obradoiro de emprego dual ‘Reserva de Biosfera: Emprego Verde’. Esta formación, que se desenvolverá ao longo do curso 2024-2025, estará dirixida a 20 alumnos e alumnas dos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Sada, Oza – Cesuras e Paderne.

O obradoiro, cunha duración de doce meses, combinará formación teórica e práctica no ámbito da conservación de espazos forestais e xardinería, con traballos nos montes e zonas verdes dos concellos participantes. Os alumnos que completen o programa recibirán certificados de profesionalidade nas especialidades de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, ou en Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, agradeceu o apoio da Xunta, destacando que “un ano máis poidamos dispoñer dunha formación que de seguro será capaz de promover novas oportunidades laborais para a veciñanza”. Santiso tamén subliñou a importancia da cooperación institucional e do traballo conxunto entre as distintas administracións para levar a cabo este tipo de iniciativas, que contribúen ao desenvolvemento e sustentabilidade da comarca.

0.18067097663879