A Xunta reforza en Vilasantar a loita contra a banda marrón con tratamentos gratuítos

GaliciaXa | ACoruñaXa
Medio Rural prevé actuar este ano en arredor de 4.000 hectáreas de montes privados e lembra que xa está publicada a instrución para substituír por eucalipto as masas gravemente afectadas
VILASANTAR banda marron
23 Apr 2026

A Consellería do Medio Rural reforzará este ano o apoio aos propietarios forestais afectados pola banda marrón cun novo programa de tratamentos gratuítos para combater esta enfermidade nos piñeirais. A medida, que se aplicará por segundo ano consecutivo, chegará en 2026 a arredor de 4.000 hectáreas de montes de xestión privada, segundo avanzou este mércores en Vilasantar a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.

A responsable autonómica visitou unha plantación de Pinus radiata situada neste concello coruñés, onde xa se actuara o pasado ano sobre unha superficie próxima ás 30 hectáreas. O obxectivo, explicou, é mellorar o estado sanitario das masas afectadas e frear o impacto dunha doenza que está a comprometer a vitalidade e a produtividade de moitos piñeirais.

Os traballos previstos inclúen dúas intervencións anuais de fertilización foliar, unha na primavera e outra no outono, acompañadas dun seguimento técnico para comprobar a evolución das árbores tratadas. Desde Medio Rural salientan que estas actuacións permiten reforzar o estado nutricional das masas, aumentar a súa resistencia e preservar, na medida do posible, o seu rendemento forestal.

A Xunta desenvolverá este programa en colaboración coa Fundación Arume, que asumirá a identificación das superficies, o contacto cos propietarios e o impulso da xestión conxunta, mentres que a empresa pública Seaga será a encargada de executar os traballos sobre o terreo. Ao mesmo tempo, a Consellería asegura que tamén continúa intervindo nos montes de xestión pública afectados pola enfermidade.

Xunto a esta liña de apoio, a directora xeral lembrou que xa está publicada na web da Consellería a instrución que regula a posibilidade de substituír por eucalipto as masas de piñeiro gravemente afectadas pola banda marrón, no marco da flexibilización da moratoria do eucalipto ata 2030. Esta opción permitirá, nunha única quenda de corta, repoboar con eucalipto ata un máximo do 50 por cento da superficie eliminada, mentres que o outro 50 por cento deberá destinarse a coníferas ou frondosas.

Para poder acollerse a esta vía, os propietarios deberán acreditar a gravidade da afectación sanitaria e a inviabilidade técnica e económica da masa mediante un informe técnico, acompañado de análises de laboratorio, probas gráficas xeorreferenciadas e a comprobación da mortalidade real da plantación. A normativa considera grave a situación cando os pés mortos ou puntisecos superan o 25 por cento da densidade obxectivo fixada no modelo silvícola correspondente.

A solicitude terá que incluír ademais unha proposta completa de reforestación e a delimitación cartográfica das superficies que se dedicarán a eucalipto e ás restantes especies. A Administración forestal ofrece tamén a posibilidade de realizar a toma de mostras e a análise en laboratorio, previo pago da taxa correspondente.

0.11652803421021