A Xunta inviste preto de 100.000 euros na mellora de tres centros educativos de Cambre

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou este venres o CEIP Portofaro de Cambre, acompañada pola alcaldesa, Diana Piñeiro, e polo director territorial de Educación, Santiago Freire, para comprobar o avance das obras de mellora que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a executar no centro ao abeiro do Plan Ben-Estar 2026.
O CEIP Portofaro, que conta cunha matrícula de 301 alumnos, está a ser obxecto dunha actuación centrada na reparación da rede de saneamento, das pluviais e dos canlóns, cun investimento próximo aos 50.000 euros. Segundo a Xunta, estes traballos buscan mellorar a conservación do edificio e incrementar o confort das instalacións.
Durante a visita, Belén do Campo destacou que “investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado, así como nun ensino público de maior calidade”.
A representante autonómica tamén avanzou que o Plan Ben-Estar inclúe actuacións noutros dous centros do municipio, o CEIP Emilio González López e o IES Alfonso X O Sabio, onde se executarán reformas por un importe tamén próximo aos 50.000 euros para mellorar a seguridade e as condicións de uso das instalacións.
En conxunto, a Consellería de Educación destina preto de 100.000 euros ás actuacións previstas nos tres centros de Cambre. As intervencións abranguen a reforma de aseos, a substitución de portas de acceso, a reparación das redes de saneamento e dos canlóns, así como traballos na cuberta dos edificios.
Belén do Campo enmarcou estas obras no Plan Ben-Estar da Xunta de Galicia, un programa que contempla a execución de 329 actuacións en centros educativos de toda a comunidade durante o período estival, cun investimento global de 7,2 millóns de euros.
No caso da comarca da Coruña e Betanzos, o plan prevé 34 actuacións cun orzamento de preto de 530.000 euros.
A delegada da Xunta asegurou que este programa contribúe á transformación progresiva dos centros educativos galegos para convertelos en espazos máis confortables, sostibles e preparados para afrontar os retos futuros, e reiterou o compromiso do Executivo autonómico de continuar impulsando actuacións de mellora nas infraestruturas educativas da provincia.