A Xunta inviste máis dun millón de euros no Concello de Vilasantar

ACoruñaXa
A delegada na Coruña lembrou que a Xunta investirá, este ano, 169.000 euros, para calmar o tráfico e humanizar a travesía da AC-194
Imaxe da visita da delegada da Xunta na Coruña ao Concello de Vilasantar
Imaxe da visita da delegada da Xunta na Coruña ao Concello de Vilasantar
9 may 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, realizou, este mércores, unha visita institucional ao Concello de Vilasantar para reunirse co alcalde Fernando Pérez. No encontro repasaron os proxectos que ten actualmente en marcha a Xunta neste municipio.

A representante do Goberno autonómico lembrou que, no 2023, a Xunta investiu neste Concello en servizos e obras máis dun millón de euros para actuacións como a reforma da piscina municipal, a adquisición de luminarias públicas e contedores ou a construción de pontes, a sinalización da ruta dos muíños do Río Gándaras ou a rehabilitación e ampliación do río Cabalar.

Ademais, a delegada lembrou que o Goberno galego levará a cabo unha actuación conxunta para calmar o tráfico e humanizar a travesía da AC-194 cun orzamento de preto de 169.000 euros que está en fase de licitación. Esta cooperación permitirá realizar as actuacións de humanización desta travesía urbana na contorna da Casa do Concello, no núcleo principal do municipio, nas Raposeiras, mellorando o estado do firme nese punto.

Ambos representantes públicos coincidiron na necesidade de seguir reforzando os vínculos para contribuír ao desenvolvemento sustentable das comunidades galegas. A súa presenza en Vilasantar subliña a relevancia de entender as necesidades locais directamente dos habitantes e gobernantes, buscando sempre manter un diálogo aberto e efectivo.

Do mesmo xeito, Belén do Campo e Fernando Pérez analizaron as necesidades do concello e comprobaron o resultado de distintas actuacións enmarcadas no ámbito de colaboración da Xunta cos concellos.