A Xunta investirá 870.000 euros na mellora da contorna do río Mero en Cambre

ACoruñaXa
As actuacións incluirán a rehabilitación de cinco pasarelas, melloras na sinalización, limpeza da drenaxe e mantemento da vexetación
CAMBRE rio mero
3 Jul 2026

A Xunta destinará máis de 870.000 euros ao acondicionamento e mantemento da contorna do río Mero ao seu paso por Cambre. A actuación, impulsada a través de Augas de Galicia, ten como obxectivo mellorar a conservación deste espazo fluvial, reforzar a seguridade das persoas usuarias e poñer en valor o seu patrimonio natural, ambiental e turístico.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presentou o proxecto durante unha visita ao paseo fluvial da localidade, acompañada polo director xeral de Augas de Galicia, Roi Fernández. A previsión é que os traballos comecen este mesmo mes e estean rematados antes de que finalice o ano.

O groso do investimento, arredor do 65 %, destinarase ao acondicionamento de cinco pasarelas do paseo fluvial, entre elas a situada na rúa Barcala. Nestas estruturas levaranse a cabo labores de limpeza con hidrolimpadora, lixado dos elementos que as compoñen e substitución das pezas que presenten deterioro.

O resto do orzamento permitirá actuar sobre outros elementos da contorna. As actuacións incluirán a reparación e substitución da sinalización e da cartelería, a retirada e limpeza dos sistemas de drenaxe, o mantemento da vexetación e a renovación dos valados danados.

Estas intervencións enmárcanse na Estratexia para a posta en valor das contornas fluviais, coa que a Xunta pretende recuperar, conservar e mellorar os espazos vinculados aos ríos. O obxectivo é facilitar un acceso ordenado, seguro e sostible mediante a mellora de sendeiros, zonas de descanso, sinalización interpretativa, mobiliario e infraestruturas.

O proxecto tamén busca fomentar un uso responsable do río Mero como espazo de lecer, educación ambiental e benestar comunitario, ademais de contribuír á conservación da paisaxe e á mellora da calidade ambiental dun dos enclaves naturais máis frecuentados de Cambre.

0.1167311668396