A Xunta e o Concello de Ordes rehabilitan o local social de Bailía en Leira (Ordes)

ACoruñaXa
Dentro das actuacións realizadas instalouse unha nova rede eléctrica e un sistema de calefacción, ademais de traballos de albanelaría e acondicionamento do terreo
Imaxe da visita este mércores ao local social de Bailía en Leira
Imaxe da visita este mércores ao local social de Bailía en Leira
3 abr 2024

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada do alcalde de Ordes, José Luis Martínez, visitou este mécores 3 de abril o local social de Bailía, situado na parroquia de Leira deste concello coruñés, que acaba de rematar as súas obras de reacondicionamento grazas a un convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Concello.

As actuacións realizadas, que contaron cun orzamento de algo máis de 48.000 euros, tiñan como obxectivo a mellora do local social de Bailía, co fin de mellorar a calidade de vida da poboación que reside nesa parroquia e contribuír a fixar a poboación do núcleo de Bailía.

As obras consistiron na rehabilitación integral do edificio. Neste sentido, realizáronse accións relacionadas co acondicionamento do terreo, instalouse unha nova rede eléctrica, un sistema de calefacción e colocouse illamento acústico. Ademais, tamén se executaron traballos de albanelaría.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no marco das súas competencias e dentro das súas accións estratéxicas, vén apoiando, mediante axudas a través de convenios diversas actuacións en espazos cuxas características son de especial relevancia para o desenvolvemento rural que os fan merecedores de apoio económico.