A Xunta autoriza a transferencia a prol do Concello de Oleiros de distintos treitos en seis estradas provinciais

O Consello da Xunta autorizou hoxe o decreto polo que se aprobou o cambio de titularidade a prol do Concello de Oleiros de distintos treitos de seis estradas provinciais. Con esta medida, a administración local pasará a ter a competencia exclusiva para actuar nestes viais, asumindo a partir de agora toda a responsabilidade no referente á súa conservación e mantemento.
A transferencia afecta, en concreto, aos tramos da DP-5803 (Pasaxe a Perillo) e da DP-5808 (Pousada - A Edreira), así como á totalidade das estradas provinciais que serven de acceso directo ás praias de Santa Cristina e de Bastiagueiro (DP-5804 e DP-5805). Así mesmo, inclúense no acordo a prolongación ao mar da AC-190 en Coruxo (DP-5806) e a DP-5809, correspondente á estrada Oleiros-Sada á Pousada Edreira.
Esta tramitación, que contou coa proposta favorable da Axencia Galega de Infraestruturas, realizouse de mutuo acordo entre as administracións implicadas e seguindo os procedementos regulados na Lei de estradas de Galicia. O decreto terá plena validez xurídica e producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación oficial no Diario Oficial de Galicia.