A Xunta autoriza a explotación mineira de Ordes a Erimsa malia as 177 alegacións presentadas

A Xunta de Galicia, a través do Departamento Territorial da Coruña, concedeu á empresa Erimsa a autorización para explotar recursos mineiros de cuarzo nunha superficie de arredor de 1.000 hectáreas na comarca de Ordes, afectando terreos dos concellos de Frades, Mesía, Ordes e Oroso.
A concesión, publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia, terá unha vixencia de 30 anos e abranguerá unha extensión de 66 cuadrículas mineiras. O proxecto contempla unha explotación mineira a ceo aberto cun investimento próximo aos seis millóns de euros.
Segundo a resolución, a compañía —con sede na Coruña e pertencente ao grupo noruegués Elkem AS— deberá iniciar os traballos de explotación no prazo máximo dun ano desde a notificación oficial da concesión e comunicar previamente a data de comezo da actividade ao departamento territorial correspondente.
Erimsa xa obtivera en 2015 o permiso de investigación denominado Andrea número 7137 para avaliar a extracción de cuarzo nesta zona. Posteriormente, a empresa reformulou o proxecto inicial reducindo unhas 160 hectáreas da superficie prevista e afastando a explotación do río Tambre. As previsións apuntan á extracción de máis de 384.000 toneladas de cuarzo metalúrxico.
Durante o período de exposición pública, o proxecto recibiu 177 alegacións presentadas tanto por particulares como por entidades xurídicas. Segundo recolle o DOG, as cuestións de carácter ambiental xa foron analizadas polos organismos competentes e incorporadas á Declaración de Impacto Ambiental (DIA).
A DIA, emitida o pasado 30 de outubro, concluíu que o proxecto é “ambientalmente viable”, sempre que se cumpran as medidas recollidas no estudo de impacto ambiental e no programa de vixilancia establecido para a explotación.