A Xunta activa a alerta por escaseza de auga no Anllóns e na Costa da Coruña e sitúa en prealerta boa parte das Mariñas

A falta de chuvias e as altas temperaturas continúan reducindo os recursos hídricos en Galicia e levaron á Xunta a elevar o nivel de alerta en varias zonas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. A Oficina Técnica da Seca acordou este martes declarar a situación de alerta por escaseza de auga no sistema do río Anllóns e na Costa da Coruña ata o límite con Arteixo, mentres que outras catro zonas pasan a situación de prealerta.
Na provincia da Coruña, a medida afecta a numerosos concellos. Arteixo e Culleredo pasan a situación de alerta, mentres que Abegondo, Aranga, Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Ordes, Oza Cesuras, Paderne, Sada, Vilarmaior e Vilasantar entran en prealerta por escaseza moderada.
A decisión chega despois de que os indicadores de caudal permanecesen baixos durante máis de dous meses en varias zonas e sen que se apreciase un cambio de tendencia. Para adoptar estas medidas, os técnicos analizaron a evolución dos caudais dos ríos, o volume de auga almacenada, os datos meteorolóxicos do mes de xullo e as previsións para as próximas semanas.
Que implica a situación de alerta?
A alerta é o segundo nivel máis elevado previsto no Plan especial de seca de Galicia-Costa, só por detrás da emerxencia. A súa activación permite adoptar medidas destinadas a conservar os recursos hídricos dispoñibles.
Entre elas atópase a prohibición de usos considerados prescindibles, como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns. Ademais, se a evolución da situación o fai necesario, poderían establecerse cortes puntuais de auga.
No caso do sistema do río Anllóns e Costa da Coruña, ademais de Arteixo e Culleredo, a alerta afecta tamén a Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas.
16 concellos, en prealerta
A prealerta por escaseza moderada afecta a Abegondo, Aranga, Bergondo, Betanzos, Carral, Coirós, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Ordes, Oza Cesuras, Paderne, Sada, Vilarmaior e Vilasantar.
Este nivel non implica polo momento as mesmas restricións que a alerta, pero supón un seguimento intensivo da situación meteorolóxica, dos caudais dos ríos e dos niveis dos encoros. Tamén se prevén medidas de concienciación para fomentar un consumo responsable e recoméndase aos concellos minimizar os gastos públicos non esenciais.
Os municipios en prealerta deberán ademais comunicar a Augas de Galicia os seus datos diarios de consumo, permitindo realizar un seguimento máis preciso da evolución da demanda e das reservas.
91 concellos afectados en Galicia
Coa actualización aprobada este martes, son xa 91 os concellos galegos afectados por algún nivel de escaseza, dos que 32 se atopan en alerta e 59 en prealerta.
A Xunta sinala que a situación está marcada pola escaseza de precipitacións e as altas temperaturas. No caso das zonas que pasan a alerta, os indicadores levan máis de dous meses en valores baixos sen que se detectase un cambio de tendencia. No río Grande, que tamén entra en prealerta, o caudal reduciuse máis dun 50 % durante o mes de xullo.
A situación dos encoros tamén reflicte a menor dispoñibilidade de recursos. A comezos de agosto, os encoros destinados ao abastecemento atopábanse ao 72,74 % da súa capacidade, un 14,44 % menos que nas mesmas datas do ano pasado.
A Oficina Técnica da Seca continuará realizando un seguimento da evolución dos recursos hídricos e das condicións meteorolóxicas para determinar se é necesario modificar os niveis de escaseza nas próximas semanas.