A ximnasia de mantemento volverá a Vilasantar con novas quendas e inscrición previa

A ximnasia de mantemento regresará o vindeiro 5 de outubro dentro da programación municipal de actividades de Vilasantar para o curso 2026-2027. Como novidade, este ano será necesario realizar unha inscrición previa para participar na actividade, que se poderá formalizar chamando ao teléfono 981 778 257.
O Concello informa de que, de maneira provisional, as sesións comezarán cunha hora semanal. A intención é recuperar o horario habitual en canto sexa posible. Mentres se manteña esta situación, a actividade será gratuíta para as persoas participantes.
As sesións desenvolveranse en diferentes puntos do municipio. En Priorato están previstas os venres ás 11.00 horas, mentres que en Vilariño serán os luns ás 12.00 horas. Barbeito terá a súa quenda os venres ás 12.00 horas, Présaras os venres ás 10.00 horas e Vilasantar os luns ás 11.00 horas.
Nos casos de San Vicente e Armental, o horario aínda está por concretar e será comunicado posteriormente.
A actividade forma parte do programa de actividades municipais de Vilasantar para o curso 2026-2027 e busca ofrecer á veciñanza unha proposta de exercicio físico orientada ao mantemento da actividade e ao benestar.
As persoas interesadas en participar deberán anotarse previamente a través do 981 778 257.