A voz dos alcaldes: 'O alcalde da miña vila é o que me gustaría seguir sendo'

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, repasa nesta entrevista a súa traxectoria política e persoal, desde os primeiros pasos como concelleiro independente ata a chegada á Alcaldía e a maioría absoluta acadada polo PSOE en 2019. Durante a conversa, reivindica o traballo realizado nos últimos anos para reconducir a situación económica municipal, así como diferentes investimentos en servizos, educación, equipamentos deportivos e infraestruturas. De cara ao futuro, sitúa entre as prioridades a construción dun instituto, a cuberta do CPI Castro Baxoi, a mellora do porto, a nova infraestrutura de captación de auga, o desenvolvemento de Monte Piñeiro e varios proxectos viarios e de mobilidade.
Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido?
Comecei na política local movido pola inquedanza de mellorar as cousas na miña vila, pisando moito a rúa. Os meus primeiros pasos foron como independente, como concelleiro pola agrupación de electores Alternativa Miñoterra entre os anos 1995 e 2003. Máis adiante, en 2006, afilieime ao PSdeG-PSOE porque entendín que era o espazo e o equipo que mellor representaba a miña visión de progreso e de xestión pública para Miño.
Como deu o salto e recibiu o impulso para ser alcalde?
O impulso definitivo veu da responsabilidade. Como miñense e economista, doíame profundamente ver a situación crítica e a deriva financeira á que se estaba abocando o Concello de Miño. Entendín que a miña experiencia profesional e formación poderían ser adecuadas, con moito traballo, para darlle a volta á situación.
Despois da miña etapa inicial, volvín á corporación en 2010 co grupo socialista e, nas eleccións de 2011, xa encabecéi a candidatura, incrementando o noso grupo de 3 a 6 concelleiros. En 2015, tamén de candidato, empatamos a 6 concelleiros co PP, aínda que acadamos 166 votos máis.
Foi en 2019 cando o PSOE conseguiu a maioría absoluta, con 9 dos 13 concelleiros da Corporación. Para min, aquel resultado confirmou que a veciñanza quería un cambio e confiaba no proxecto que representabamos.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno?
O maior sacrificio é, sen dúbida, o tempo. Nestes anos tiven que compaxinar a miña xornada laboral polas mañás na Autoridade Portuaria de Ferrol coa xestión municipal, o que me obrigaba a estar presencialmente no Concello todas as tardes e días libres.
Aínda así, a dedicación aos veciños non entende de horarios. Iso supón roubarlle moito tempo á familia e aos espazos de descanso. Pero agora mesmo ábrese unha etapa ilusionante: o 1 de xaneiro teño pensado xubilarme da miña profesión, polo que neste próximo mandato por fin poderei estar fisicamente no Concello a tempo completo.
Como sempre digo, eu son un veciño máis ao que lle importa a súa vila. Nacín aquí e crieime aquí, polo que chegar a ser alcalde do teu pobo é unha gran honra.
E beneficios?
O maior beneficio é totalmente emocional e persoal, o orgullo de ver como os proxectos se fan realidade. Atopamos un concello nunha situación económica moi complicada, cunha débeda vinculada ao caso Fadesa duns 25 millóns de euros.
Segundo explica, as renegociacións co Ministerio de Facenda permitiron ampliar o prazo de pagamento ata 2060 e reducir a cota anual ata os 400.000 euros. A finais de 2025, sinala, a débeda situábase xa nos 19 millóns de euros.
O alcalde destaca tamén que esta evolución se produciu sen subir impostos nin reducir servizos, e considera que a situación económica municipal está agora encamiñada.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Non sempre é doado, pero con moita organización e, sobre todo, con moita comprensión por parte da miña contorna. Cando es alcalde da túa vila, a fronteira entre o público e o privado esvaécese. Vas facer a compra ou tomas un café e segues sendo o alcalde; os veciños achéganse con naturalidade a contarche as súas preocupacións.
É un equilibrio difícil, pero lévase con vocación de servizo. Axudan moito tanto o equipo de persoas que me acompañan no Concello como no meu traballo.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
Seguir o camiño que iniciamos en 2019. A nosa folla de ruta sempre tivo aos veciños e veciñas como prioridade, impulsando medidas que nos permitan contar con máis oportunidades e mellores servizos públicos.
Non son de presumir de obras futuras de gran calibre nin de soñar de maneira baleira, senón de manternos fieis aos nosos principios. Traballar, dialogar, escoitar e atender aos veciños sempre van ser os nosos principios.
Unha vez encauzada a situación económica, o obxectivo é consolidar Miño como un referente residencial cun crecemento constante, aproveitando a súa localización e os importantes espazos naturais para avanzar cara a un futuro sostible.
E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?
Continuar co traballo que xa estamos facendo. Ademais de proxectos de humanización urbana como os da Praza da Fonte e das rúas Fonte, Igrexa, Real, Estrada da Praia, Marismas, Cobo, Loios, Barrosa, Carreira e Raxel, temos o compromiso de intervir nas instalacións deportivas.
Xa asinamos un convenio coa Deputación para investir 346.000 euros na cuberta das pistas de Xarío e imos actuar na Galea, en Bemantes e na cuberta do campo de fútbol de Gallamonde.
Por outra banda, seguiremos loitando por tres proxectos históricos que están pendentes doutras administracións: o novo enlace coa autoestrada, a senda pola Ribeira de Bañobre e a mellora do Porto de Miño.
Cales son as principais liñas do seu programa?
As nosas liñas mestras pasan por seguir mellorando os servizos, esixindo ás outras administracións o que nos corresponde por xustiza, e garantir un crecemento ordenado.
Neste sentido, temos varias cuestións esenciais coa Xunta: a construción dun instituto e a cuberta do CPI Castro Baxoi. Outra demanda permanente é a mellora do porto. Tamén está a infraestrutura hídrica, xa que necesitamos con urxencia a obra do azud.
A poboación de Miño está medrando e precisamos unha instalación de captación máis grande. Xa presentamos o proxecto e levamos anos á espera de que Augas de Galicia responda.
Doutra banda, o desenvolvemento de Monte Piñeiro suporá unhas 500 vivendas máis e deixará uns 100.000 metros cadrados de espazos libres nunha zona entre as marismas e o porto. O obxectivo é aproveitar eses terreos para construír instalacións vitais para os cidadáns, como un auditorio.
Tamén inclúe as prioridades a área empresarial, o novo enlace da AP-9 coa estrada N-651 en Ponte Baxoi e os proxectos de sendas en Bañobre, Robaleira e outros puntos do municipio.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Sinto un orgullo inmenso polo saneamento das contas públicas, pero tamén polas apostas sociais reais. Por exemplo, a estrea neste curso da nova escola infantil O Golfiño, executada con fondos Next Generation canalizados a través da Xunta de Galicia.
Recuperamos unha antiga unitaria e pasamos de 76 a 117 prazas de 0 a 3 anos. Aínda que estamos asumindo un custo elevado por estas competencias impropias, para nós investir en educación e conciliación é investir no futuro.
Tamén destaca as catro Sendas con Bandeira Azul, a recuperación da Bandeira Azul na praia Grande e na Ribeira e o mantemento da de Perbes, o roupeiro municipal, o convenio coa Sareb para dispoñer de 12 vivendas sociais, o acordo cunha gran superficie comercial en Costa Miño, a mellora de camiños nas parroquias, a nova instalación do Club Náutico, as melloras no campo de fútbol, o pumptrack e o apoio ás entidades culturais, deportivas e asociativas.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Gustaríame que visen a alguén traballador, rigoroso e accesible. Un veciño máis ao que lle doe o seu pobo e que xestiona os cartos públicos coa máxima responsabilidade e rigor para sacar a Miño do burato e convertelo nun lugar de referencia para vivir.
Son unha persoa que naceu e creceu en Miño e que ten as preocupacións que pode ter calquera persoa de aquí. Dóeme cando as cousas van mal e alégrome como o que máis cando van ben. Iso é o que fai que sempre estea disposto a escoitar e a traballar para que Miño vaia, cada día, un pouquiño mellor.
Como é a súa relación coa oposición?
Sempre busco que sexa unha relación de respecto institucional. Creo firmemente no debate construtivo; cando se presentan propostas útiles e viables para o pobo, escóitoas con atención.
É evidente que hai discrepancias políticas, é o san e natural, pero o meu enfoque é non perder nin un minuto en liortas estériles e centrar toda a enerxía en xestionar para Miño.
Sempre defendín o diálogo como principal ferramenta de traballo. Entre todos e todas debemos buscar acordos que beneficien aos veciños e veciñas. Penso que esa é a mellor maneira de servir aos cidadáns.
EN CLAVE PERSOAL
- Idade, estado civil e familiar
64 anos, casado e pai de dous fillos. - Profesión e formación
Economista, licenciado en Ciencias Económicas. - E se non foras Economista, que che gustaría ser?
Non cambiaría nada, gústame o que estudei e tamén ser o alcalde da miña vila. - Que querías ser de maior?
Médico. - Que fas para desconectar?
Camiñar polos distintos recunchos de Miño. - Unha virtude e un defecto
A cercanía, que coincide que tamén pode ser un defecto. - Un consello para compartir
Paciencia e empatía. - Un libro
'El rey desnudo', de Hans Christian Andersen. - Unha película
'Gladiator', 'La lengua de las mariposas' e 'Los Santos Inocentes'. - Un grupo de música/cantante
Queen/Freddie Mercury. - Unha afección
Pescar, aínda que non pode practicalo moito. - Un lugar que visitar
Miño e, despois, Roma. - Unha comida e unha bebida
Lacón con grelos e un bo viño tinto. - Unha personaxe admirada
Barack Obama, Nelson Mandela e José Mujica. - Unha posesión preciada
O agarimo da familia e das amizades. - Un desexo
A paz e o respecto. - Algo para esquecer
As actitudes de prepotencia dalgúns dirixentes. - Que é o que máis valora nunha persoa?
A humildade e a sinxeleza. - Un desafío pendente
Ter tempo libre para min e para os meus. - Onde te ves en cinco anos?
Traballando por Miño.