A vía entre O Casal e A Armada mellorará o seu firme cun investimento de 150.000 euros

O Concello de Ordes abriu a licitación das obras de mellora da vía que conecta O Casal e A Armada, na parroquia de Vilamaior. As empresas interesadas poderán presentar a súa documentación ata o 6 de xullo para optar a unha actuación que conta cun orzamento de 149.960,59 euros.
O proxecto inclúe a limpeza de gabias nas dúas marxes da estrada e a mellora da capa de rodaxe. Para iso, repararase previamente a zona deteriorada, realizarase o perfilado de mordentes e aplicarase aglomerado en quente. A intervención completarase coa pintura da sinalización horizontal, con liñas de bordo e eixo, ademais da colocación dun sinal de stop.
A estrada ten unha lonxitude de 1.595 metros e un ancho de 6,75 metros. A actuación busca mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos diarios da veciñanza, especialmente nunha contorna rural na que este tipo de camiños teñen un papel fundamental para a mobilidade local.
A obra forma parte do Plan Camiños Rurais 2026-2027, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027. A Consellería do Medio Rural concedeu unha axuda de 84.307 euros, distribuída en dúas anualidades: 34.346,67 euros este ano e 49.960,33 euros en 2027.
Esta intervención dá continuidade aos traballos executados o ano pasado no mesmo ámbito, cando se actuou no treito entre o límite con Mesía e o cruce de desvío ao Castro. O obxectivo é avanzar na conservación e mellora das infraestruturas rurais, favorecendo a accesibilidade, a vertebración do territorio e a competitividade agraria e forestal.