A veciñanza de Coirós coñecerá o modelo de consumo agregado de enerxía nunha reunión aberta

A comunidade enerxética 'Coirós Enerxía' inicia unha nova etapa centrada no consumo agregado, un modelo que busca reunir a demanda eléctrica de veciños, fogares e negocios do municipio para estudar posibles melloras nas condicións do subministro.
Para explicar esta fase do proxecto, convocouse unha reunión aberta á veciñanza o próximo xoves 21 de maio, ás 20.00 horas, no centro social de Coirós. No encontro abordarase como funciona este sistema, que vantaxes pode ter para as persoas participantes e cales serán os seguintes pasos previstos.
O consumo agregado parte da idea de que a unión de distintos consumidores pode facilitar unha negociación conxunta da enerxía. Antes de avanzar neste proceso, analizaríanse as facturas e os hábitos de consumo das persoas ou negocios adheridos, co obxectivo de coñecer mellor as súas necesidades reais.
A comunidade enerxética xa está en marcha e esta nova fase pretende ampliar a participación veciñal nun proxecto orientado á eficiencia, ao aforro e ao impulso dun modelo enerxético máis compartido. Entre os seus obxectivos tamén figura achegar información sobre consumo eléctrico, axudas, subvencións e medidas de aforro.
Desde a organización lembran que se trata dunha iniciativa aberta á cidadanía e que a súa evolución dependerá da participación que se consiga reunir nesta nova etapa. As persoas interesadas poden solicitar máis información a través do teléfono 677 73 73 21 ou no correo electrónico oficina@enerxia.eu.