A veciñanza de Cambre poderá elixir entre Entroido e San Roque como segundo festivo local de 2027

A veciñanza de Cambre xa pode participar na consulta aberta polo Concello para escoller o segundo festivo local de 2027. A iniciativa permitirá coñecer a opinión da cidadanía entre dúas datas emblemáticas do calendario festivo do municipio: o Martes de Entroido, que o próximo ano caerá o 9 de febreiro, e a festividade de San Roque, prevista para o 16 de agosto.
A Corporación municipal xa acordou que o primeiro dos dous festivos locais será o 24 de xuño, coincidindo coa celebración de San Xoán. Agora, antes de completar a proposta que se trasladará para a elaboración do calendario laboral de 2027, o Concello quere recoller as preferencias da veciñanza mediante unha enquisa de participación cidadá.
A consulta permanecerá aberta ata o luns 10 de agosto ás 10.00 horas e ten carácter non vinculante, polo que os seus resultados servirán como referencia para a decisión que adopte posteriormente a Corporación municipal e para a tramitación oficial dos festivos locais.
As persoas interesadas poden participar a través do formulario habilitado polo Concello, no que deberán escoller unha das dúas opcións propostas. Con esta iniciativa, o Goberno local busca implicar á cidadanía nunha decisión que afecta ao calendario laboral e festivo do municipio.