A universidade taiwanesa Tsing Hua recoñece a traxectoria internacional do coruñés Ricardo García Mira

ACoruñaXa
O profesor foi distinguido coa cátedra honoraria 'Ching-Ching Hung-Dao' pola súa excelencia investigadora, docente e científica
A CORUÑA udc ricardo
Imaxe de Ricardo García Mira
5 May 2026

A National Tsing Hua University (NTHU) de Taiwán recoñece con esta cátedra honoraria a traxectoria internacional de Ricardo García Mira e, en particular, a relevancia dos seus traballos na aplicación da psicoloxía á educación, á sustentabilidade e á análise da relación entre as persoas e o seu contorno. A distinción, promovida polo College of Education e polo Departamento de Recursos Ambientais e Culturais da universidade taiwanesa, destaca tanto a súa produción científica como a súa capacidade para tecer redes de colaboración académica entre institucións de distintos países.

García Mira é catedrático de Psicoloxía Social na Universidade da Coruña e está especializado en Psicoloxía Ambiental, unha área que estuda como os espazos, as condicións sociais e os cambios ambientais inflúen no comportamento humano. Durante décadas dirixiu o Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da UDC, desde o que impulsou estudos centrados na percepción social do medio, os hábitos sostibles, a resposta cidadá ante o cambio climático e a forma na que os contextos educativos e urbanos condicionan a vida diaria.

Un dos eixos da súa carreira foi levar a investigación psicolóxica ao terreo das políticas públicas. Esa liña aparece en proxectos europeos como LOCAW, centrado na transición cara a organizacións baixas en carbono a través da autonomía dos traballadores e dos comportamentos proambientais, ou GLAMURS, que analizou os estilos de vida sostibles e os modelos alternativos para acelerar a transición cara a unha economía verde.

Nos últimos anos, o profesor coruñés tamén coordinou o consorcio europeo ENTRANCES, dedicado ao estudo dos aspectos sociais da transición enerxética e aos efectos que os procesos de descarbonización teñen nas comunidades e nos territorios dependentes do carbón. Esta investigación reforzou unha das súas principais achegas académicas: entender que a loita contra o cambio climático non depende só da tecnoloxía, senón tamén das actitudes, dos medos, das expectativas e da participación social das persoas afectadas.

A súa actividade investigadora continúa vinculada a proxectos internacionais sobre transición ecolóxica, saúde e cambio climático. Segundo a información do CITEEC da UDC, García Mira foi coordinador de ENTRANCES entre 2020 e 2023 e participa como investigador principal pola UDC no consorcio europeo TRIGGER, centrado no impacto do cambio climático na saúde.

A cátedra honoraria 'Ching-Ching Hung-Dao' súmase agora a outros recoñecementos dunha carreira de ampla proxección exterior. García Mira foi nomeado catedrático honorario pola University of Bath para o período 2016-2027, recibiu en 2018 o título de 'Doctor Honoris Causa' pola Universidade Alexandru Ioan Cuza de Iasi, en Romanía, e foi distinguido como 'Fellow' da International Association of Applied Psychology. Tamén exerceu como profesor visitante distinguido en universidades como Texas State University, Cornell University, a Universidade de Tokyo e a Universidade de Santo Tomás de Manila.

0.12393879890442