A Universidade da Coruña reunirá máis de 90 empresas en dúas xornadas de emprego e emprendemento na Coruña e Ferrol

ACoruñaXa | FerrolXa
A segunda edición de IMPULSA-T, dirixida a todo o estudantado, celebrarase o 22 de outubro no Campus de Elviña e o 29 no Campus Industrial de Ferrol
FERROL campus udc
Imaxe de arquivo
19 Oct 2026

A Universidade da Coruña (UDC) celebrará os vindeiros 22 e 29 de outubro a segunda edición de IMPULSA-T, unha feira que busca achegar as empresas e entidades colaboradoras ao estudantado de todas as titulacións da institución. A iniciativa, impulsada pola Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade e a Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, pretende favorecer o contacto directo entre empresas e estudantado, dar a coñecer oportunidades profesionais e impulsar proxectos de emprendemento.

A xornada coruñesa celebrarase o 22 de outubro no Pavillón de Deportes do Campus de Elviña, coa participación de 40 empresas e entidades de sectores moi diversos, entre elas ABANCA, Accenture, Altia, Decathlon, Deloitte, Finsa, Gadisa, Indra, Navantia, Repsol ou o Grupo Tragsa, xunto a organizacións como COGAMI, o Concello da Coruña ou o Clúster de Turismo de Galicia.

A feira artéllase en catro espazos: 'IMPULSA-T', punto de encontro coas empresas con reunións directas, sorteos e contidos audiovisuais; 'COÑECE-T', con dinámicas de selección e formación a través do xogo, con sesións de STAC, Decathlon, Nauterra, Deloitte e a Axencia Estatal de Administración Tributaria; 'ACTIVA-T', centrado en formación e empregabilidade, co obradoiro "Aprendendo a emprender" de 10.30 a 12.00 horas; e 'EMPRENDE-T', que dará a coñecer proxectos emprendedores xurdidos na UDC.

A xornada arrincará ás 10.00 horas, coa inauguración ás 10.30 horas. Ás 12.00 horas entregaranse os Santander X Spain Awards a Proxectos Emprendedores Universitarios 2026, o Santander X Spain Award Startup Universitaria 2026 e os premios dos Traballos de Fin de Estudos en Emprendemento da UDC, ademais de dous sorteos presenciais ás 13.15 e ás 17.50 horas.

Unha semana despois, o 29 de outubro, o Campus Industrial de Ferrol acollerá a cuarta edición de FESTALENT, no Pavillón Municipal de Esteiro, con zona expositiva de 10.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 18.00 horas, e unha conferencia de clausura de 18.15 a 19.15 horas no Salón de Actos Concepción Arenal. Participarán máis de 50 empresas e institucións de sectores como o naval, industrial, enerxético, téxtil ou do deseño, ademais de consultoras e colexios profesionais. A inscrición debe realizarse previamente a través da web do Campus Industrial de Ferrol, onde tamén se poderá compartir currículo e consultar ofertas de emprego.

O programa completo e o listado de empresas participantes poden consultarse na web de IMPULSA-T da Universidade da Coruña.

0.18731808662415