A UDC reúne esta semana na Coruña a máis de 250 expertos internacionais para abordar os grandes retos da cosmoloxía

ACoruñaXa
O congreso ‘New Frontiers in Cosmology’ analizará cuestións como a estrutura do Universo, as galaxias, o universo primordial e a aplicación da intelixencia artificial á investigación cosmolóxica
UDC congreso cosmoloxia
10 Aug 2026

A Universidade da Coruña converte esta semana a cidade nun punto de encontro para a investigación internacional sobre o Universo. Máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional participan desde este luns, 10 de agosto, e ata o venres 14 no congreso ‘New Frontiers in Cosmology’, que reúne na Reitoría da UDC especialistas en diferentes áreas da cosmoloxía.

O encontro está organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a Universidade da Coruña, coa colaboración do CITIC, e permitirá abordar algúns dos principais retos actuais desta disciplina, desde a estrutura a grande escala do Universo e o fondo cósmico de microondas ata a formación das galaxias, o universo primordial e as novas aplicacións da intelixencia artificial.

Durante a inauguración, o reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou o momento que vive a cosmoloxía grazas ás novas capacidades de observación, aos grandes volumes de datos dispoñibles e ao desenvolvemento de técnicas computacionais que permiten formular novas preguntas sobre o Universo.

Pola súa banda, a catedrática da UDC e investigadora do CITIC Minia Manteiga, codirectora do congreso, destacou a oportunidade de celebrar este encontro durante a semana da eclipse total de Sol, o que permitirá aos participantes conectar a actividade científica cun fenómeno astronómico excepcional.

Investigadores de prestixio internacional

Entre os participantes atópanse figuras destacadas da investigación cosmóloxica internacional. É o caso de Uroš Seljak, profesor de Física e Astronomía na Universidade de Berkeley e codirector do Berkeley Center for Cosmological Physics, pioneiro no estudo do fondo cósmico de microondas e da estrutura a grande escala do Universo.

Tamén participa Priyamvada Natarajan, profesora de Astronomía e Física na Universidade de Yale e recoñecida polos seus traballos sobre materia escura, lentes gravitacionais e formación dos primeiros buracos negros supermasivos.

O programa conta ademais con varios investigadores galardoados co New Horizons in Physics Prize, entre eles Wai Ling (Kimmy) Wu, Colin Hill, Mathew Madhavacheril, Oliver Philcox, Mikhail Ivanov e Rouven Essig.

Un programa marcado pola eclipse

O congreso desenvolverá catro xornadas de actividade científica, con relatorios, presentacións, sesións de pósteres e mesas de debate.

Este martes, 11 de agosto, as sesións estarán centradas, entre outras cuestións, na época da reionización, as lentes gravitacionais do fondo cósmico de microondas, a estrutura a grande escala e as simulacións, ademais dunha mesa dedicada á aplicación da intelixencia artificial á cosmoloxía.

O mércores 12 de agosto, coincidindo coa eclipse total de Sol, non haberá sesións científicas, xa que a actividade estará centrada na observación do fenómeno.

O programa continuará o xoves 13 con investigacións sobre escalas pequenas, o universo primordial, o fondo cósmico de microondas e as galaxias. A xornada incluirá tamén un debate sobre as chamadas tensións cósmicas, que poderían apuntar a cambios no modelo estándar da cosmoloxía.

O venres 14, última xornada, estará especialmente dedicado ás aplicacións da intelixencia artificial nas análises cosmolóxicas, a enerxía escura e as lentes gravitacionais débiles. O encontro rematará cunha mesa sobre o estudo das galaxias máis afastadas e o acto de clausura.

O CITIC tamén acolle un encontro sobre física solar

De maneira paralela, o CITIC da Universidade da Coruña acolle esta semana a Third Solar MHD Conference, dedicada aos últimos avances na física solar.

O encontro abordará cuestións como as observacións de eclipses e da coroa solar, o emprego de machine learning e big data na física solar e os modelos de plasma multifluído.

A celebración simultánea destes dous encontros reforza o papel da UDC como espazo de referencia para a comunidade científica internacional e sitúa A Coruña como escenario para o debate sobre algúns dos grandes interrogantes actuais relacionados coa orixe, evolución e estrutura do Universo.

0.11615896224976