A UDC reforza a súa aposta pola investigación, a transferencia e o apoio ao estudantado

A Universidade da Coruña pechou 2025 cun balance centrado na modernización da súa estrutura interna, o impulso á investigación e o reforzo das políticas de apoio ao estudantado. O reitor, Ricardo Cao, presentou este venres ante o Claustro o informe anual de xestión, que foi aprobado e no que se recollen os principais avances do último exercicio.
Un dos fitos máis relevantes foi a aprobación dos novos Estatutos da UDC, adaptados á LOSU. Este novo marco actualiza o modelo de goberno da universidade, amplía a participación da comunidade universitaria e busca facer a institución máis transparente, aberta e conectada coa sociedade.
No ámbito académico, a UDC acadou unha ocupación case completa nos graos, cunha taxa media do 95,3% e máis de 3.300 estudantes matriculados. A demanda tamén foi elevada nos mestrados, con máis de 7.600 solicitudes e unha ocupación do 81%. O informe destaca ademais o acordo para descentralizar o Grao en Medicina, que permitirá impartir o segundo ciclo completo nas tres universidades públicas galegas no curso 2028-2029.
A investigación mantivo unha evolución positiva, especialmente na captación de fondos competitivos e na atracción de talento. A universidade conta con máis de 900 persoas vinculadas a centros de investigación e reforza a súa posición con dous centros na Rede CIGUS, o CITIC e o CICA, ademais do CITEEC como centro colaborador, o Campus Industrial de Ferrol e o CITENI.
O apoio ao estudantado foi outro dos eixos do ano. A UDC concedeu axudas propias para estudos, bolsas de comedor, apoios económicos e bolsas de colaboración, que se suman ás concedidas polo Ministerio de Educación. A institución tamén reforzou os programas de orientación, mobilidade e vivenda, mentres mantén uns datos de inserción laboral destacados: 9 de cada 10 persoas tituladas atopan emprego no primeiro ano tras rematar os seus estudos.
O informe tamén subliña os avances en transferencia de coñecemento, con 245 contratos e convenios con empresas e institucións, 32 cátedras universidade-empresa activas e máis de 80 contactos a través de 'UDC Conecta'. A Cidade das TIC tivo un papel destacado coa sinatura dun convenio co Concello da Coruña que mobilizará máis de 11 millóns de euros para rehabilitar tres edificios cedidos á universidade. No apartado económico, a UDC volveu reclamar unha mellora do financiamento estrutural para garantir o equilibrio da institución.