A UDC prepara unha remodelación do seu equipo de Goberno para a segunda metade do mandato

A Universidade da Coruña prepara unha remodelación do seu equipo de Goberno de cara á segunda metade do mandato do reitor, Ricardo Cao. O propio reitor avanzou esta mañá a reorganización durante o seu informe ao Consello de Goberno, onde explicou que os cambios se farán efectivos co inicio do novo curso académico para interferir o menos posible na actividade institucional, administrativa e docente.
A reestruturación afectará a varias áreas clave da UDC, entre elas Profesorado, Estudantes e Empregabilidade, Igualdade e Diversidade, Economía e Planificación Estratéxica e Xerencia. Segundo explicou Cao, a modificación responde á necesidade de incorporar novas áreas de xestión, redistribuír competencias e redefinir algunhas vicerreitorías.
O reitor tamén sinalou que a remodelación responde a razóns persoais e ao desgaste propio da acción de goberno. A composición definitiva da nova estrutura concretarase nas próximas semanas, cando a Universidade detallará os cambios organizativos e os novos perfís que se incorporarán.
Cao defendeu que esta reorganización permitirá afrontar os algo máis de tres anos que restan de mandato 'coa fortaleza e impulso' necesarios para cumprir os obxectivos marcados polo equipo reitoral.
Durante a sesión tamén se abordaron novidades en materia de profesorado. A Xunta autorizou as nove prazas de axudante doutor que quedaban pendentes dentro do programa María Goyri, das que seis xa foron aprobadas para a súa tramitación e outras tres serán elevadas proximamente.
No ámbito da investigación, a UDC pechou coa Xunta o convenio 'Antonia Ferrín', que garante o mantemento de 45 postos de traballo vinculados a actividades de I+D+i en centros de investigación e servizos centrais.
A Universidade tamén deu conta das novidades académicas para o curso 2026-2027, entre elas dous novos másteres conxuntos na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol: o Máster Universitario en Vehículos Autónomos e o Erasmus Mundus en Renewable Energy and Sustainable Construction.