A UDC liderará unha nova rede estatal para impulsar unha intelixencia artificial confiable e responsable

A Universidade da Coruña (UDC) asumirá a presidencia da nova Rede Interuniversitaria de Centros de Excelencia en Intelixencia Artificial Confiable e Responsable (ConfIA), unha iniciativa que reúne dez centros de investigación pertencentes a outras tantas universidades españolas co obxectivo de impulsar a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da intelixencia artificial.
A representación da UDC nesta alianza corresponderá ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), considerado un dos centros de referencia en España neste eido. A rede está integrada tamén por institucións de universidades como a Politècnica de Catalunya, Granada, Politécnica de Madrid, Santiago de Compostela, Politècnica de València, País Vasco, Alacante, Xaén e Sevilla.
Durante o primeiro ano de funcionamento da rede, o reitor da UDC, Ricardo Cao, presidirá o Comité de Coordinación, órgano encargado da dirección institucional da alianza. Pola súa banda, a catedrática e investigadora do CITIC Amparo Alonso exercerá como secretaria do Comité de Dirección Científico-Técnico, responsable da planificación e coordinación das actividades da rede.
Entre os principais obxectivos de ConfIA figuran o desenvolvemento dunha intelixencia artificial máis segura, transparente, explicable e respectuosa coa privacidade, así como o impulso de proxectos de investigación conxuntos, a captación de financiamento competitivo, a mobilidade de persoal investigador e o reforzo da colaboración co tecido empresarial, as administracións públicas e a sociedade.
A colaboración entre os centros desenvolverase mediante proxectos científicos compartidos, participación en convocatorias nacionais e internacionais, programas de formación e doutoramento, intercambios de persoal investigador e a organización de congresos, seminarios e outras actividades especializadas.
Coa creación desta rede, as universidades participantes buscan reforzar a posición da investigación española en intelixencia artificial tanto no ámbito nacional como internacional, promovendo un modelo de desenvolvemento tecnolóxico baseado na confianza, a responsabilidade e o impacto social.