A UDC levará a Equiocio a súa aposta pola innovación, o benestar e o compromiso social

A Universidade da Coruña (UDC) participará na 35ª edición de Equiocio Ferrol, que se celebrará do 6 ao 9 de agosto no Campo das Cabazas, en Covas, cun espazo expositivo propio desde o que divulgará a súa actividade docente, investigadora e de innovación, así como a súa oferta académica e os programas de responsabilidade social que desenvolve.
Ao longo dos catro días do evento, a institución dará a coñecer a oferta de graos e mestrados do Campus Industrial de Ferrol e amosará algúns dos proxectos de investigación que impulsa en ámbitos como a industria intelixente, os materiais avanzados, a enerxía, a enxeñaría naval, a sustentabilidade ambiental e a transformación dixital.
O espazo da UDC servirá tamén para achegar ao público iniciativas como UDC Saudable, orientada á promoción da saúde e do benestar da comunidade universitaria; Espazo Compartido, destinado á formación e inclusión de persoas con discapacidade intelectual e trastorno do espectro autista; a Clínica Xurídica; o programa Afrontemos, centrado na saúde mental, e o labor da Oficina de Cooperación e Voluntariado.
A programación completarase con tres charlas abertas ao público. A primeira celebrarase o xoves 6 de agosto baixo o título 'UDC con impacto: universidade, compromiso e transformación social'. O venres será a quenda da sesión 'Máis tempo para vivir: claves para unha xestión saudable do tempo' e o sábado desenvolverase a charla 'Coida a nosa saúde mental: recursos da UDC Saudable e de Afrontemos'.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, sinalou que esta participación busca reforzar o vínculo da universidade coa sociedade e achegar á cidadanía tanto a súa oferta formativa como os proxectos que desenvolve nos ámbitos da investigación, a innovación e o compromiso social.