A UDC e o MUNCYT celebran este xoves 'O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia'
Con motivo da celebración o próximo domingo 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a Facultade de Informática da UDC (FIC) e o MUNCYT da Coruña únense para visibilizar as mulleres científicas na conferencia “Directo 11F. Conecta con Enxeñeiras Informáticas. Intelixencia Artificial”.
O evento, que terá lugar este xoves, día 8 de febreiro, no salón de actos do museo coruñés, reunirá a catro profesoras e investigadoras da FIC falando sobre a súa investigación no eido da Intelixencia Artificial ao alumnado de colexios e institutos que se inscriban previamente nas charlas. Todos eles poderán anotarse na dirección de correo electrónico reservascor@muncyt.es ou por teléfono chamando ao número 689 578 727.
As charlas terán lugar entre as 10.20 e as 13.30 horas e serán impartidas Bertha Guijarro Berdiñas, Susana Ladra González, Verónica Bolón Canedo e Adriana Dapena Janeiro, catro recoñecidas enxeñeiras informáticas expertas en Intelixencia Artificial. Cada delas realizará unha presentación de 30 minutos de duración e contestará as preguntas que os asistentes ao evento lles trasladen; que deberán ser enviadas con antelación á charla ao correo electrónico no que realicen a reserva para asistir ao acto.
Programa
A primeira das charlas terá lugar ás 10.30 horas, baixo o título 'Comprender a IA'. A encargada de impartila será Bertha Guijarro Berdiñas (doutora en informática) quen falará sobre como e cando nace a Intelixencia Artificial, como se adestra, en que se asemella á Intelixencia Natural. Para elo afondará nas bases da Intelixencia Artificial que permiten comprender mellor o funcionamento destes algoritmos, as súas interesantes posibilidades e tamén os seus riscos.
A segunda intervención correrá a cargo de Susana Ladra ás 11.15 horas e terá ao ChatGPT como protagonista. Nela se falará sobre que é e por que ten marabillado ao mundo, que pode e que non pode facer esta ferramenta, así como se pode razoar e entender o que lle dicimos, son algunhas das preguntas ás que tentará dar resposta a enxeñeira e doutora en Informática, graduada en Matemáticas, e profesora Titular da Facultade de Informática da UDC.
A terceira charla terá lugar ás 12.00 horas e impartiraa Verónica Bolón Canedo sobre 'Intelixencia Artificial Verde', tentando responder á pregunta de se é apropiado que un algoritmo de IA sexa responsable dun consumo de enerxía estimado equivalente ao dun fogar español durante 23 anos. Bolón afondará no concepto de IA verde, explicando como se poden crear algoritmos que sexan máis sostibles e respectuosos co medio ambiente.
Finalmente, ás 12.45 horas, terá lugar a cuarta e última das charlas, na que Adriana Dapena falará sobre 'IA para interfaces persoa-máquina'. Saber se a Intelixencia Artificial pode cambiar a forma en que as persoas interactúan coas máquinas é a pregunta á que intentará dar resposta, afondando no pasado, o presente e o futuro das interfaces gráficas. Así mesmo, presentará casos reais do uso de IA para interactuar coas máquinas dunha forma pouco convencional.