A UDC crea unha nova Vicerreitoría centrada na estratexia dixital e a intelixencia artificial

A Universidade da Coruña (UDC) inicia unha nova etapa do seu mandato cunha renovación parcial do Equipo de Goberno e coa creación dunha nova Vicerreitoría de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial.
O acto de toma de posesión dos novos responsables celebrouse este martes na Reitoría, nunha remodelación coa que a universidade pretende afrontar a segunda parte do mandato e reforzar diferentes liñas estratéxicas.
O reitor da UDC, Ricardo Cao, sinalou que a institución se atopa nun momento clave para consolidar o seu crecemento e avanzar en ámbitos como a transformación dixital, a captación de talento, a internacionalización e o desenvolvemento de grandes proxectos universitarios.
Laura Castro estará á fronte da nova vicerreitoría
A principal novidade da remodelación é a creación da Vicerreitoría de Estratexia Dixital e Intelixencia Artificial, que terá como responsable a Laura Castro Souto, enxeñeira informática e doutora en Computación pola UDC, docente do Grao en Enxeñaría Informática e investigadora no Grupo de Cidadanía Dixital.
A nova área pretende reforzar a transformación dixital e a incorporación da intelixencia artificial de maneira transversal na actividade académica, investigadora e de xestión da universidade.
O novo Equipo de Goberno incorpora tamén a Bruno Casal Rodríguez como vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica; Luis Hervella Nieto como vicerreitor de Profesorado; Alsira Salgado Don como vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, e María Hernández García como nova responsable da Xerencia.
Pola súa banda, continúan no equipo reitoral Moisés Canle, Jerónimo Puertas, Marta García, Cristina Naya, Sonia Vázquez e Ana Ares, ao fronte das súas respectivas áreas.
A UDC fixa as prioridades para a segunda metade do mandato
Durante o acto, Ricardo Cao avanzou algunhas das prioridades para os próximos anos. Entre elas figuran a elaboración dun novo plan estratéxico da universidade, a consolidación dos proxectos da UDC na Cidade das TIC e o fortalecemento do Campus Industrial de Ferrol.
A institución tamén pretende renovar a súa oferta académica e desenvolver novas titulacións relacionadas cos sectores emerxentes, ademais de avanzar na descentralización dos estudos de Medicina.
A captación e retención de talento, a internacionalización, a investigación, a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento da alianza universitaria europea EMERGE completan as principais liñas sinaladas polo reitor.
Cao tamén destacou a importancia de contar cun financiamento suficiente para afrontar as necesidades futuras do sistema universitario galego e agradeceu o traballo dos membros saíntes do Equipo de Goberno.
O reitor apelou finalmente á implicación de toda a comunidade universitaria para afrontar esta nova etapa e avanzar cara a unha UDC 'máis innovadora, máis internacional e máis comprometida coa sociedade'.