A UDC conta con máis de 600 investigadores nos seus tres centros científicos

ACoruñaXa
A Universidade da Coruña incrementa a súa relevancia neste programa de excelencia coa renovación da acreditación do CITIC e a incorporación recente do CICA e o CITEEC, aos que se suma o centro interuniversitario ECOBAS
Imaxe dos directores dos tres centros de investigación da UDC
Imaxe dos directores dos tres centros de investigación da UDC
8 may 2024

A recente incorporación do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) e a renovación do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicación (CITIC), supón ademais dun recoñecemento a estes equipos un maior peso da UDC neste programa, promovido pola Xunta de Galicia para impulsar a excelencia investigadora.

Deste xeito, a Universidade da Coruña eleva a súa posición nesta rede, contando con dous centros na máxima categoría (CITIC e CICA), que se integran na Rede CIGUS, e un na segunda (CITEEC), os cales, sumados ao interuniversitario ECOBAS (Economics and Business Administration for Society), recibirán unha axuda de máis de 4,86 millóns de euros para a súa acreditación, estrutura e mellora. Un logro que, segundo Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, sitúa á UDC como “a universidade galega con mellor evolución con respecto ao período anterior, pasando de contar cun só centro acreditado, o CITIC, a ter 3, e de obter o 12% da cantidade total das axudas ao 20% actual. Un camiño que entendemos é o que debemos seguir para continuar ampliando esta capacidade investigadora de calidade nas diferentes liñas de traballo da UDC, e mesmo incrementar o número de centros de investigación da UDC nesta rede de excelencia”.

CITIC, CICA e CITEEC aglutinan a máis de 600 persoas investigadoras desenvolvendo o seu labor científico, as cales están actualmente inmersas en 256 proxectos de investigación e transferencia tecnolóxica.

Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa o vicerreitor e os directores dos tres centros de investigación da Universidade: Manuel F. González Penedo, do CITIC; Jaime Rodríguez González, do CICA; e Fernando Martínez Abella, director científico do CITEEC.

González Penedo salientou que "esta acreditación pon en valor o traballo excelente que leva a cabo o persoal investigador do noso centro, tanto a nivel individual como co seu compromiso de equipo á hora de resolver retos de forma conxunta. Para nós, é unha honra situarnos á vangarda tecnolóxica e investigadora de Galicia. Traballamos con diferentes entidades nacionais e internacionais, públicas e privadas, para acadar a proxección que a nosa comunidade merece".

Jaime Rodríguez, pola súa banda, destacou que no CICA “sabiamos ao que aspirábamos: levamos anos traballando e tendo como referentes os estándares de calidade da Xunta. Por iso estamos moi agradecidos de que CIGUS nos posicionase tan ben na nosa entrada na Rede de Centros de Excelencia, que representa o mellor da investigación científica do territorio. Grazas á ambición e o talento do noso persoal, da innovación dos proxectos do centro e das constantes iniciativas para divulgar a ciencia do CICA, sabemos que estamos á altura para ser referentes nas áreas de Biomedicina, Contaminación e Nanociencia e Materiais Avanzados. Levaremos unha investigación galega e de calidade á escala internacional."
Martínez Abella manifestou a súa ledicia por que o CITEEC conseguise acceder, como Centro Colaborativo, ao selecto club dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia. “O CITEEC celebrará o seu 25 aniversario o próximo ano 2025 e ao longo deste tempo conseguimos dotarnos de infraestruturas científicas de primeiro nivel mundial e dun equipo humano de extraordinaria valía, cuxo traballo vai enfocado en mellorar e facer máis sostible a contorna na que vivimos”. Sinalou tamén que “o CITEEC é un dos poucos centros de investigación do mundo que abarca a maior parte dos ámbitos da enxeñaría civil e a edificación, o que o converte nun centro singular, pola súa capacidade de dar resposta a problemas complexos. Sentímonos orgullosos do logro alcanzado, e somos conscientes de que debemos, e podemos, ser mellores. Seguiremos traballando para que así sexa”.