A UDC celebra mañá o Día da Universidade

ACoruñaXa
O evento estará presidido polo novo reitor, Ricardo Cao, e homenaxeará ao estudantado con dous actos de entrega de premios
UDC Rectorado
25 Xan 2024

A Universidade da Coruña celebra mañá venres, día 26 de xaneiro, a partir das 10:00 horas, no Paraninfo da Reitoría (A Maestranza), a efeméride do Día da Universidade. No evento, que será presidido polo novo reitor, Ricardo Cao, a UDC homenaxeará ao estudantado con dous actos de entrega de premios.

Dentro da programación do evento, ás 10:00 horas entregaranse os distintivos aos novos doutores da UDC do curso 2022/2023, así como os diplomas aos Premios Extraordinarios de Doutoramento do curso 2021/2022. Mentres que ás 12:00 horas, entregaranse así mesmo os seguintes recoñecementos:

  • Premios Excelencia da UDC ás mellores notas de admisión nos Graos do curso 2023/2024.
  • Premios Extraordinarios das titulacións de Grao do curso 2022/2023.
  • Premios Extraordinarios das titulacións de Máster do curso 2022/2023.

O reitor, Ricardo Cao será o encargado de finalizar o acto cun discurso e de seguido o Coro Universitario poralle o punto e final.

O Día da Universidade, que non será lectivo nin laborable na UDC, dará paso o vindeiro luns, 29 de xaneiro, ás clases do segundo cuadrimestre, despois de que hoxe rematase o período de avaliación do primeiro cuadrimestre.

0.16487193107605