A UDC celebra hoxe o Día das Letras Galegas

ACoruñaXa
No acto conmemorativo, presentouse a obra, case inédita, de Luísa Villalta “Por que os homes non nos len?”, que ven de ser editada pola UDC
Imaxe do acto celebrado na UDC polas Letras Galegas
15 Maio 2024

A Universidade da Coruña celebrou hoxe no Paraninfo da Reitoría o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Luísa Villalta. O acto foi presidido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, e acolleu a presentación dunha publicación da UDC de “Por que os homes non nos len?”, un texto case inédito da escritora coruñesa, que non formaba parte de antoloxías publicadas ata o de agora.

Ricardo Cao amosou o seu orgullo por “poder achegar a figura de Luísa Villalta a través deste artigo-ensaio bastante descoñecido ata o momento. Unha reflexión profunda sobre cuestións tan de actualidade como a pluralidade de xénero ou a feminidade. Sen dúbida, un texto que nos leva a ter unha visión máis ampla”. O reitor agradeceu tamén á profesora da Área de Filoloxía Galega e Portuguesa, Mª Pilar García Negro, polas súas achegas e a elaboración do limiar desta nova publicación da UDC.

Ao evento, conducido pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, Cristina Naya, quen deu paso á lecturas de poemas por parte de alumnado e profesorado de centros educativos da Coruña e Sada, a última localidade onde impartiu docencia Luísa Villalta, asistiu tamén persoal da UDC e membros do equipo de Goberno da Universidade.

Os centros participantes no acto foron o Centro de Educación de Infantil e Primaria Alborada, o Centro de Educación de Infantil e Primaria Wenceslado Fernández Flórez, o Centro de Educación de Infantil e Primaria San Francisco Javier, o Centro de Educación Nosa Señora de Rosario, o Instituto de Educación Secundaria Fernando Wirtz Suárez, o Instituto de Educación Secundaria Plurilingüe Adormideras, o Instituto de Educación Secundaria Ramón Menéndez Pidal,o Instituto de Educación Secundaria Salvador de Madariaga, o Instituto de Educación Secundaria Urbano Lugrís e o Instituto de Educación Secundaria Isaac Díaz Pardo. Así mesmo, o acto contou coa colaboración de persoal da UDC para esta lectura de poemas da escritora coruñesa.

Programación homenaxe na Coruña e Ferrol

A programación da Universidade con motivo das Letras Galegas 2024 inclúe tamén dous concertos da banda galega de indie rock Chicharrón. O primeiro deles será hoxe, ás 19.30 horas, no xardín da Escola Politécnica de Enxeñaría do Campus Industrial de Ferrol; e o segundo terá lugar na Sala Cubo de NORMAL, o Espazo de Intervención Cultural das UDC, o vindeiro xoves, día 23 de maio, ás 19.30 horas.

 

 

0.15699696540833